Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor A futura Lei de montes de Galicia favorecerá o uso forestal dos mesmos.

A futura Lei de montes de Galicia favorecerá o uso forestal dos mesmos.

Correo-e Imprimir PDF
nuez-feijoo

O afondamento e rendibilidade da explotación forestal é o norte da futura Lei de montes de Galicia. A norma deberá ser "coherente coas demandas que formulan os silvicultores e as empresas vinculadas ao sector forestal", informou Alberto Núñez Feijóo, quen agregou que "temos un escenario económico nos montes que é necesario regular, que é necesario impulsar" e que polo tanto débese " atopar o máximo partido económico e social a unha das grandes riquezas que posúe a comunidade autónoma, que é a riqueza forestal, e frear o crecente abandono do monte en Galicia". As declaracións do mandatario recollidas nunha rolda de prensa onde non se mencionou en ningún momentos ás comunidades de montes, salienta que segundo Feijóo "“Imos facer unha lei para unha comunidade eminentemente forestal como é Galicia."

O presidente Alberto Núñez Feijóo, avanzou este xoves logo de presentar un informe sobre a futura lei no Consello da Xunta que esta será a lexislatura na que a comunidade galega contará por vez primeira cunha Lei de montes que se baseará en conseguir un triplo obxectivo: “a concienciación social sobre a importancia dos montes e a transcendencia da súa ordenación”; a “loita contra o minifundismo forestal” que é “unha asignatura inaprazable”; e o regulamento dos usos forestais “para facer rendible o monte e frear o abandono rural”. Asegurou Feijóo, “esta será a lexislatura na que Galicia conte por primeira vez cunha Lei de montes que nos permita sacar o máximo partido económico e social a esa riqueza forestal; esta será a lexislatura da agrupación de montes que non teña marcha atrás e deixaremos para o pasado o minifundismo forestal; e esta será a lexislatura en que apostemos claramente pola certificación da madeira, polo aproveitamento dunha riqueza sen parangón en España e en Europa, que busque confirmar o noso liderado forestal”.

Unha tripla dimensión ambiental, social e económica

O presidente da Xunta explicou que, nesta lei, “temos que ser capaces, en primeiro lugar, de adaptar a realidade; e, en segundo, de que sexa coherente coas demandas que formulan os silvicultores e as empresas vinculadas ao sector forestal”.

Así mesmo, avanzou que a dimensión desta nova normativa é tripla, posto que afecta ao eido ambiental, ao económico e ao social. Respecto ao eido ambiental, Feijóo lembrou que dous terzos da superficie galega son monte; no ámbito social, destacou os 26.000 empregos directos e os 50.000 empregos indirectos que xera o sector; e respecto ao campo económico, que o monte representa o 3,5% do PIB galego.

Tirando de datos, o mandatario autonómico lembrou, ademais, que cada ano se producen en Galicia máis de 7 millóns de metros cúbicos de madeira, o equivalente, dixo, “a toda a madeira que se produce no Reino Unido ou a toda a madeira que se produce en Italia e en Bélxica xuntas”.

“En consecuencia, temos un escenario económico nos montes que é necesario regular, que é necesario impulsar e que é necesario ser valente para ordenalo, se é posible, dunha forma coherente, razoable e que se manteña no tempo”, remarcou Feijóo, asegurando que con esta nova lei se fomenta a xestión forestal para xestionar o monte e lograr consolidar o liderado forestal de Galicia pola súa potencialidade e pola súa importancia económica.

Distancias mínimas nas repoboacións, limitacións nas segregacións e ordenación de usos

Segundo explicou o mandatario autonómico, con esta nova normativa regularase, por primeira vez nunha única disposición as distancias mínimas que teñen que cumprir as novas repoboacións forestais respecto doutros cultivos e fincas.

Ademais, promoverase a loita contra o minifundismo, non só fomentando as agrupacións de propietarios forestais voluntarias (xa aprobadas en Consello da Xunta), senón limitando a posibilidade de segregar propiedades, establecendo que non poderán ser segregadas propiedades forestais inferiores a 15 hectáreas. Tamén se regularán os usos forestais, ben sexa madeira, pastos ou froitos e contribuirase a consolidar a xestión forestal sostible dos montes, algo que, segundo destacou Feijóo, pasa “pola certificación da madeira e pola certificación forestal para gañar valor engadido, gañar prezo, gañar competitividade e cota de mercado”.

“Podemos facelo, temos riqueza instalada para conseguilo”, subliñou Feijóo incidindo en que “se somos capaces de agrupar, de non segregar, de manter parcelas forestais, como mínimo, de 15 hectáreas de superficie, seremos capaces de gañar cota de mercado e seremos capaces de que o monte sexa rendible para os seus propietarios e rendible para a sociedade galega”.

Marco xurídico estable para o desenvolvemento do sector

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, asegurou que o proxecto de Lei de montes, “que esperamos poder discutir co sector e despois cos grupos políticos amplamente”, pretende “crear un marco xurídico estable para o desenvolvemento do sector”.

A lei pon o acento en conceptos como a ordenación, a planificación e o desenvolvemento sostible do sector. En definitiva, argumentou o conselleiro do Medio Rural, “a lei profundiza nos conceptos de ordenación; establece distintos niveis de ordenación e facilita para os propietarios privados e, sobre todo, individuais, acceder a sistemas de certificación da madeira aos que neste momento non poden acceder”. Ademais, engadiu, “a lei vai combater de xeito importante a parcelación do monte; clarifica o réxime de aproveitamentos e o sistema de cambios de uso e cambios de actividade; regula, dun xeito máis eficaz toda a normativa de incendios; e favorece a capitalización do monte”.