Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor O IEM participa nun proxecto innovador de dixitalización en 3D dos petróglifos miñoranos.

O IEM participa nun proxecto innovador de dixitalización en 3D dos petróglifos miñoranos.

Correo-e Imprimir PDF
Xilberte Manso (IEM), Francisco Guitián (ICG), Carlos Méixome (IEM) e Xosé Lois Vilar (IEM) na presentación do proxecto.
Imaxe bidimensional do petróglifo.
Imaxe 3D do petróglifo.
Escaner láser para 3D.
  • Anterior
  • 1 of 4
  • Seguinte

Os petróglifos do Val Miñor serán o centro dunha iniciativa de investigación aplicada que permitirá o escaneado en tres dimensións dos mesmos. O proxecto "Catalogación e dixitalización de petróglifos do Val Miñor e realización de modelos en xeopolímeros e cerámicas de arxila cocida", permitirá o desenvolvemento, por primeira vez en Galicia, da reprodución dixital dos petróglifos. Esta nova tecnoloxía baseada nunha nova xeración de escaners tridimensionais, significará pola súa perfección unha verdadeira revolución en materia de investigación e divulgación científica. Asemade a aplicación destes arquivos dixitais, xerados polos escaners poderán ser reutilizados en reproducións fidedignas en distintos materias e aplicacións.

O proxecto é resultado da colaboración do Instituto de Cerámica de Galicia (ICG), a Fundación Instituto Tecnológico de Materiales de Asturias (ITMA) e mais o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM). Foi seleccionado coa maior puntuación pola Secretaría Xeral da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, DOG 246 de 24/12/2010 (páx 20.848), nas axudas concedidas para o desenvolvemento de proxectos da tecnoloxía dos materiais e da construción, dentro dos programas sectoriais de investigación aplicada, PEME I+D e I+D Suma do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación tecnolóxica cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

O proxecto foi presentado publicamente onte 17 de febreiro, na Aula de Cultura Ponte de Rosas, en Gondomar. Participaron polo ICG o profesor-doutor e investigador Francisco Guitián e o doutor en Física e investigador do ICG Víctor Valcárcel. Polo IEM estiveron presentes o seu director, o profesor Carlos Méixome, o arqueólogo Xosé Lois Vilar, o director da Sección de Arqueoloxía Eduardo Méndez Quintas e mais os profesores Bruno Centelles e Xilberte Manso.