Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura O Instituto de Estudos Miñoranos realiza as primeiras réplicas en 3D de petróglifos no Val Miñor.

O Instituto de Estudos Miñoranos realiza as primeiras réplicas en 3D de petróglifos no Val Miñor.

Correo-e Imprimir PDF
Arqueólogos do IEM cos membros do ITMA escaneando o petróglifo do Sobral en Couso.

O Instituto de Estudos Miñoranos realiza traballos de captación de replicas dixitais en 3D dos petróglifos do Val Miñor que poderán ser arquivadas e reproducidas ad infinitum cunha precisión micrométrica. Esta verdadeira achega tecnolóxica - científica posibilitará aos investigadores  pescudar coas vantaxes  da tecnoloxía 3D:  hologramas a tamaño real, proxección en pantallas multitáctiles, reprodución das pezas en diversos materiais, etc.

Durante a primeira semana de setembro e nesta na que andamos, Luis Rovés e Pablo de Arquer, especialistas da Fundación ITMA (Instituto Tecnológico de Materiales de Asturias) proseguirán os traballos en diversos conxuntos rupestres coa fin de materializar a primeira parte do proxecto " ESCANEO EN 3D SEN CONTACTO E MDT DE PETRÓGLIFOS DO VAL MIÑOR", no que ademais do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM)  participa oInstituto de Cerámica de Galicia (ICG).

No día de onte continuaron os traballos no conxunto de Outeiro dos Lameiros (Santa Cristina da Ramallosa).

Arqueoloxía en 3 D.

Os calcos, debuxos e outras artes tradicionais utilizadas polos investigadores para pescudar  a arte rupestre deixan paso ás novas técnicas de réplica dixital. Un escáner de última xeración manipulado por persoal da Fundación  ITMA  Instituto Tecnológico de Materiales de Asturias está a copiar mediante unha técnica 3D sen contacto un conxunto de petróglifos do Val Miñor pre seleccionados polos membros da Sección Arqueolóxica do IEM.  Deste xeito, pezas milenarias e senlleiras como o conxunto de petróglifos de Agua da Laxe (Vincios), Outeiro dos Lameiros (Santa Cristina da Ramallosa), e  O Sobral (Couso), contarán cunha réplica dixital tridimensional que poderá ser arquivada e reproducida ad infinitum cunha precisión micrométrica.

Esta achega científico - tecnolóxica implica un cambio radical tanto no estudo como na conservación e divulgación deste patrimonio cultural e arqueolóxico do país.

Coas técnicas tradicionais de copia por contacto (xiz, calco sobre plásticos, debuxo, etc) os investigadores tiñan que traballar sempre nun contexto bidimensional, e cun grao de precisión relativo e sempre limitado ao campo observable polo ollo humano. Así era habitual que co correr do tempo, as representacións feitas dese xeito variaban pola degradación ou destrución parcial dos petróglifos, así como polo descubrimento de figuras ou representacións non detectadas no pasado.  Dende agora, inmediatamente despois de escaneada a peza e procesados os arquivos, un holograma a tamaño real reflectido en cristais,nunha pantalla multitáctil, ou convertido nunha peza de cerámica permitirá a observación en 3D, cunha precisión nunca antes acadada.

A copia en 3D tamén deixa a súa pegada en materia de seguridade e conservación destas pezas. Novamente a través destas representacións tridimensionais  e precisas os especialistas poderán avaliar con claridade e xusteza as posibles variacións que por efecto da natureza ou a actividade humana, podan agredir dalgún xeito a súa integridade. Así, o seguimento e conservación destes valores faise viable dende o punto de vista económico e profesional.

Unha vez rematado os traballo de campo, os arquivos dixitais resultantes serán achegados ao Instituto de Cerámica de Galicia (ICG), da Universidade de Santiago.  Nesta etapa procederase á construción de modelos 3D tanto con fins divulgativos, como de emprego no eido da construción, o turismo, etc.

Este proxecto foi seleccionado (13/12/2010) pola Secretaría Xeral da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia e no DOG 246 de 24/12/2010 (páx 20.848) pola que se adxudican as subvencións correspondentes á tecnoloxía dos materiais e da construción dos programas sectoriais de investigación aplicada, PEME I+D e I+D Suma do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación tecnolóxica cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013.