Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor A Xunta achega o proxecto de decreto de constitución da área metropolitana de Vigo

A Xunta achega o proxecto de decreto de constitución da área metropolitana de Vigo

Correo-e Imprimir PDF

A Dirección Xeral de Administración Local enviou o proxecto de decreto de constitución da área metropolitana de Vigo aos 14 concellos implicados, á Deputación de Pontevedra, á Administración Xeral do Estado -a través da delegación do Goberno en Galicia-, á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a diversos colectivos veciñais e económicos.

A Xunta afirma traballar nunha estratexia de consenso e por iso recolle as achegas realizadas nos últimos anos, tendo como base as declaracións de Nigrán e Soutomaior e o anteproxecto que non se chegou a aprobar en 2005, aínda que o texto tamén foi enriquecido coas aportacións feitas pola Universidade de Vigo e a información aportada nos últimos meses polos concellos.

O seu ámbito territorial é de 14 concellos (Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Gondomar, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño, Soutomaior e Vigo), podendo ampliarse no futuro. A sede metropolitana será Vigo e o peso político dos municipios recae na Asemblea Metropolitana, mentres que a Xunta de Goberno, integrada polos alcaldes, é a que se encarga da xestión ordinaria.

O núcleo de competencias básicas distribúese en catro grandes grupos: transporte colectivo; xestión ambiental; planificación territorial e desenvolvemento de infraestruturas; e promoción turística. Amplíase o ámbito competencial definido en 2005 en materias como o urbanismo e inclúense novas atribucións, como servizos sociais ou medio ambiente.

O texto establece que a delegación de competencias dos concellos na área metropolitana poderá ser progresiva, facilitando a súa integración e fixando un prazo máximo de dous anos para decidir a delegación, transferencia ou encomenda á área metropolitana das competencias establecidas na lei.