Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Percepcións dun introvertido Quizais... UNHA ARQUITECTURA

Quizais... UNHA ARQUITECTURA

Correo-e Imprimir PDF
Casa D.Chipperfield, en Corrubedo. Apunte de 2003 / a.s.t.

Hai uns días, visitoume no estudio un home xoven. Decidira encargarme o proxecto dunha pequena casa; non máis de noventa metros cadrados útiles. Falamos. Conta que a parcela é chaira, está ben soleada, e sitúase no municipio de Gondomar, en pleno corazón do Val do Miñor, a uns quince metros sobre o nivel do mar e a cinco sobre o leito do río que lle dá nome ao val. Mentres o escoito, no meu interior, unha vez máis, noto como empezan a espertar, a formar, o pelotón das dúbidas; e un medo: volver caer nalgún erro do pasado. Aínda non sei como ira xurdindo o proxecto, moito menos como será, pero xa todo se pon en marcha. Conta Juan Gelman que nunca sabe o que quería dicir ata que o escribiu. Aquí, solo cambia o oficio; a problemática, á hora de abordar e buscar solución á obra, é a mesma para o escritor e para o arquitecto. Tamén dan voces, berran, un grupo de percepcións e conceptos; son, os meus... pre - xuízos arquitectónicos.

Nunca sei ata onde consigo ser fiel a eles; agora ben, sempre me acompañan nas miñas reflexións. Cousas como: Non son partidario de que a arquitectura se manifeste perseguindo a moda; si, penso, ten a obriga de ser contemporánea. Non me interesa o exceso de xestualidade que aplican á materia, e fan sufrir ao espazo, un sector de prestixiosos arquitectos que, interpretando teorías de pensamento verquidas polos franceses Derrida e Deleuze, atravesaron o deconstrutivismo e desembarcaron no tratamento de dobras e facetados. Tampouco me atrae a exhibición do alarde tecnolóxico1. / Interésame a materialidade; un concepto de materialidade emparentado cun gusto por unha tectónica arestada con vocación de perdurabilidade, cunha idea de masa escavada en busca dun baleiro habitable visitado pola axeitada luz natural. Atráeme atopar espazos interiores sorprendentemente luminosos despois de que a imaxe exterior anunciase todo o contrario; esta luz, como moi belamente expón Junichiro Tanizaki, percíbese por necesaria oposición da sombra. O xogo entre ambas as dúas é fundamental para conseguir dar co ambiente buscado para un determinado espazo. O ambiente, esa cousa abstracta que conseguimos a través de medios concretos, dota de personalidade e magnetismo aos espazos; foi o que contribuíu decididamente a que Heidegger elixise para gozar da vida, pensar e traballar, unha pequena cabana situada en Todtnauberg, en plena Selva Negra, en vez das súas casas burguesas da cidade. É o que o mestre Zumthor denomina atmosfera dun determinado espazo ou lugar; tan difícil de lograr e, non obstante, transcendente. / A casa é o escenario onde a familia, calquera tipo que sexa, vive, escenifica a súa propia obra, e como todo bo escenario non debe roubar protagonismo aos actores; haberá de facer pouco ruído. Atráeme a idea dun contenedor branco, resolto con poucos materiais, gobernado pola luz, e no que teña unha estudada presenza a madeira. / Interésame o lugar. Dalgún xeito, o artefacto arquitectónico terá que relacionarse coas preexistencias dun territorio que el mesmo, coa súa presenza, modifica. Esta idea de atender ao lugar non ha de confundirse coa de camuflar a obra, con enmascarar a súa presenza. Son diversas as maneiras de enfrontar este problema; cito dúas maxistrais e moi distintas: A casa proxectada por David Chipperfield para a súa familia, fronte á praia de Corrubedo, consegue dar solución, ao mesmo tempo, á aliñación quebrada e ás distintas alturas que os edificios lindantes propoñen para a parcela; ademais, ata sabiamente o pequeno tecido urbano no que se insire, e integra, sen renunciar a ser un exercicio de autor. A casa creada por Adalberto Libera e Curzio Malaparte para o segundo deles, en Punta Masullo, non é máis que a reunión duns espazos vivideiros que separan o morro natural, sobre o que se asenta, da grande plataforma plana que a cobre. Esta plataforma coloca totalmente desasistido o visitante, tras efectuar este un cerimonioso percorrido de achegamento, ante un sol indulxente que vomita luz sobre o infinito horizonte mariño que suxeita a Capri. Unha realidade sublimada. / Para min, as casas teñen algo de templo; nelas confinamos, vivimos e soñamos, unha parte notable da nosa vida. Gústame explorar esta metáfora a través dun tipo de achegamento que promova a sorpresa; que teña algo de rito. Recordo como Vila Savoye, en Poissy, mostraba as súas costas mentres me ía achegando, dende a rúa, en busca da súa vermella entrada principal. Despois de atravesar o xardín e rodear a metade da súa planta, ofreceume sen resistencia a porta invitándome a iniciar o nomeado por Le Corbusier como "promenade architecturale" que, despois de atravesar o corazón da vivenda, remata na cuberta axardinada. / Interésanme os espazos de circulación e a súa capacidade para xerar emocións; gústame acceder aos espazos a través da súa diagonal; interésame a calidez do son que poidan emitir os materiais elixidos; interésame a claridade formal;… Interésanme estes e moitos outros parámetros definitorios dunha arquitectura. Interésanme,... pero non obrigatoriamente na orde citada.

En todo caso, serán necesarias máis reunións, máis charlas, chegar a coñecer as achegas da outra metade da familia - unha muller tamén nova -, familiarizarme co xeito que ambos os dous teñen de entender e afrontar a vida, ter un programa de necesidades, fixar previsións económicas,... E visitar o lugar. E tempo; o tempo necesario para, quizais, crear unha arquitectura.

--------------------

(1) Miña afinidade formal e espacial, no que a arquitectura contemporánea de autores vivos se refire, está na obra de Álvaro Siza, Peter Zumthor, o primeiro Tadao Ando, David Chipperfield, o Moneo do Kurssal e o concello de Murcia, Kazuyo Sejima (SANAA), o menos neoplástico Souto de Moura... e nesa liña. Tamén me interesan entre as xeracións que, por razóns de idade, roldan a madureza proxectual: Tuñón e Mansilla, Juan Domingo Santos, os irmáns lisboetas Aires Mateus, o estudio chileno formado por Mauricio Pezo e Sofía von Ellrichshdusen...