Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Percepcións dun introvertido ¡Sobre gustos non hai nada escrito!, escoitei.

¡Sobre gustos non hai nada escrito!, escoitei.

Correo-e Imprimir PDF
alaricana

Se nos atemos a definicións académicas, poderiamos definir o gusto estético como a facultade de sentir ou apreciar o belo e o feo, que temos os humanos. Pero, que cousa é bela e cal fea? Se atendemos á citada definición, depende do gusto. Non estou de acordo, pero deixémonos levar. Facéndoo, podemos concluír que o gusto é subxectivo e, polo tanto, arbitrario; acientífico. Aceptémolo. Non pasa nada. Ou si pasa, pero, en todo caso, admitámolo.

Coñezo persoas que se poñen como motos escoitando a Camela, Bisbal ou Miguel Bosé. Tamén as coñezo que prefiren deixarse invadir por músicas de Cohen, Van Morrison ou Miles Davis. Hainas que gozan co que lles ofrece Vinicios de Moraes, Chabuca Granda ou Enrique Morente. E hainas que se estremecen ante o son dos Beach Boys, The Everly Brothers ou The Bee Gees. Existe quen elixe a Stéphane Grappelli ante Igor Stravinsky; mesmo, quen os compatibiliza. O gusto. A el débese esta disparidade de criterios, e sabemos que o citado só é unha minúscula, microscópica, exposición do posible.

Ademais, como todos coñecemos, o gusto estético non se cingue unicamente ao ámbito da música; abrángueo todo. Chega á literatura de Ferrín, Cunqueiro ou Torrente Ballester. Non escapa a de Yourcenar, Kipling, Torga, Zweig, Borges e o resto da tropa. Nin o cinema de Ford, Erice, Kieslowski, Coppola, Von Trier, Spielberg, Álex de la Iglesia ou James Cameron.

O gusto decide que xeito de vestir é apropiado, cal elegante ou ordinario. Que cores van ben combinadas e cales outras non, e se son convenientes nun mesmo ambiente moitas, poucas ou mesmo ningunha.  O gusto habilita a un político, por caso, para elixir a un Siza, a un Campo Baeza, a unha Zaha Hadid ou a un Eisenman para que deposite unha arquitectura na súa cidade. Un gusto pode crear modas. Ou é ao revés?

En ocasións tópaste con cousas que ninguén sabe moi ben que son. Entón chámano arte. Neste campo existen moitos parvalláns e algúns artistas, que nin eles saben que o son. Por exemplo, a contemporaneidade ten escultores de referencia, pero tamén fai referencia a individuos que se venden coma se o fosen. Aparece o gusto. Citemos: Oteiza, Juan Muñoz, Ron Mueck, Damien Hirst, Calatrava, Richard Serra e por aí.

O gusto, entendo, queda condicionado por moitos factores. Depende dos ámbitos frecuentados, da sensibilidade, da información, da formación e da cultura que rodea e adquire o individuo ao longo da vida. Todo isto fai que a persoa mude co paso do tempo; ao compás de novas experiencias. En paralelo, mudará o seu gusto. Este edúcase, mesmo se refina. A estética e a ética son materia propia de estudo de diversos cursos académicos nos que se trata de afondar nas análises que sobre o tema fixeron no seu momento sesudos pensadores.

Pero non todo aquilo que determina o gusto, quizais un bo gusto, apréndese segundo maneiras reguladas. Hai unha parte do gusto que escapa a parámetros puramente racionais, que ten que ver con motivos agachados nalgún lugar secreto do noso cerebro. Se non fose así, como se podería explicar a elección, a preferencia, que alguén fai dunha paisaxe sobre outra, dá igual a xeografía, naqueles casos sobradamente cotexados respecto da imposibilidade de saber cal é máis bela?. Ou, que daría amparo á eterna preferencia de Hitchcock, quen ante a disxuntiva de elixir entre unha fermosa muller loura ou unha fermosísima morena, irremediablemente, sempre conseguía ser protagonista a loura?.

Eu mesmo, leo o que acabo de escribir e sen saber por que véxome ante a porta entreaberta do cuarto das depresións con só mencionar calquera dos conceptos que no texto coido ver en negriña. Un gusto.