{plusone}
Efectivamente, a dereita está encantada de terse coñecido. A maioría absoluta da que anteriormente falei fíxose realidade e por se fose pouco o señor do partido dos desmemoriados acadou representación en Baiona. A única vila de todo o país que ten nos desmemoriados un concelleiro. Baiona, coma sempre, á vangarda da política nacional. Tal e como esperabamos non houbo cabida para a sorpresa, pese a que había quen vaticinaba unha dolorosa derrota da dereita e ofendidos, reprobaban punto a punto o exposto no meu anterior artigo. Pensaban, digo eu, que lles estaba contando un conto chino ou talvez negaban con intención a realidade e agora debruzáronse diante dela, enténdase realidade polos últimos trinta anos da política municipal. Estamos nunha vila conservadora, a partir de aquí hai que empezar a traballar. O señor Almuíña xa posúe o tan apetecido cheque en branco, veremos cantas e cantas vai facer o alcalde en catro anos sen ninguén que lle chiste.
A carreira de relevo consumouse mais non a desexada “chave” de goberno, aínda que Almuíña ten cubertas as costas por se algún día precisara axuda. Cando dixen que a xente crítica estaba descontenta díxeno porque era o sentir do pobo, non o sentir dun grupo de xente comendo tortilla no Refuxio. E así foi. Aumentou a abstención, o voto en branco e incluso o nulo. E os socialistas sufriron unha hecatombe con xa veremos que consecuencias. A perda de preto de setecentos votos terá que facer reflexionar a máis de un, traballar dende hoxe a prol dos baioneses e non desistir no empeño. Chegar a seis concelleiros non foi nada fácil e tiraron moi rápido pola borda tantos anos de traballo. Negar a realidade por unha moi boa campaña electoral é xogar ao escondite ata o intre no que nos encontramos coas urnas.
No tocante aos nacionalistas, recolleron de maneira lixeira o froito de moitos anos de traballo, e pese a todo, non ampliaron desmesuradamente o número de votos, polo que haberá tamén que reflexionar e seguir traballando arreo, como veñen facendo. Non terán medios de comunicación, pero isto é Baiona e o eco acabará chegando á xente. Superar a barreira dos setecentos votos xa é un fito histórico, agora haberá que camiñar cara cotas máis altas.
Só a esperanza nos agarda, aferrémonos a ela, aínda que esteamos no escuro, como dixo Cabanillas:
¡Noite diante dos ollos!
¡Noite no pensamento!