Martes, 15 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion A resaca inconclusa A loita continúa

A loita continúa

Correo-e Imprimir PDF

Lembrei aqueles poemas lidos anos atrás, se cadra ao comezar a carreira. Foi xusto despois de ler unha nova bastante inquietante que relacionaba a visita do Papa e a revista Retranca, quizais fora nunha desas tardes de facebook. A relación entre os poemas e a noticia non foi instantánea, nin máis que eu quixera, pero cando me decatei deles, coma cando un se decata dunha foto vella á que a penas atendemos, puiden saborear aquela manchea de versos unha vez máis, e non puiden máis que trazar un sorriso de lixeira preocupación.

“Dende os meus escritos censurados/ a loita continúa”. Resultara algo estraño retornar a Claudio Rodríguez Fer por un asunto tan dispar, pero considerei revisar novamente A loita continúa (2004), anoxado por un virus nunca exterminado chamado censura. Porque como aquel Lugo amurallado dos anos setenta do que fala o poeta, seguimos vivindo nunha fortaleza perceptible, que nos reprime do xeito máis sutil e silandeiro. Éranos raro comprobar que o autor de Tigres de ternura (1981) e A Boca violeta (1987) encamiñaba os vieiros da memoria histórica, por seren estas e outras obras auténticos referentes da poesía erótica en galego. Foi logo dobre a satisfacción, porque o poeta fai un exercicio de dignidade humanística, cunha radical e necesaria entrega que só lle outorgan as cicatrices mal curadas da Historia que a el mesmo lle tocou vivir e sufrir, ao igual que a moitos outros.

Xa que logo, despois do acontecido co “secuestro” dun número da revista Retranca a mans dunha imprenta murciana, seica pola caricatura do Papa rodeado de billetes de cincocentos euros, é san e preciso regresar unha e outra vez a A loita continúa, porque a súa vitalidade libertaria seguirá vixente o tempo que nós queiramos, e porque despois de cada inxustiza ou cometido vergonzoso sempre reconforta repetir “agora eu son militante da memoria”, paráfrase dun dos fundamentos do lucense, para non esquecer endexamais.