Sábado, 12 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion A resaca inconclusa A última ecolalia do Ferreiro do Burgho

A última ecolalia do Ferreiro do Burgho

Correo-e Imprimir PDF
volta-dos-nove

Quizais sexa un dos sucesos máis pavorosos e tristes acontecidos no noso val. Moito se ten escrito sobre os nove da volta de Baredo, moito se ten falado, e a vinganza acabou convertendo aquel terrible suceso nunha extraordinaria historia de resistencia e rebelión contra o tempo e a desmemoria. Cómpre salientar a labor do IEM para con este feito, responsables do monumento que arestora preside a devandita volta. Tamén poetas da talla de Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Anxo Angueira, Xosé María Álvarez Cáccamo ou Fran Alonso teñen poetizado aquel agromar das cruces na area, aparentemente dende a nada. Xa que logo, velaquí a miña achega aos nove, A última ecolalia do Ferreiro do Burgho, poema premiado no certame Rosalía de Castro de Cornellá, onde trato de internarme no corpo dun daqueles homes nun momento coma ese.

A última ecolalia do Ferreiro do Burgho

 

Medraba o peso do chumbo no ambiente

cando o frío inicial comezou a desdobrarnos

e de seguido veu a resignación

a máis arrepiante das espreitas

sumida na faciana dun fusil

aínda hai ocasións en que un quere atreverse

derrotar a violencia feroz co peso dos nosos fillos

mesmo afoutarnos a prol do feito de vivir...

pero incomoda esta ringleira de invernos

agardando por nós

ao xirarmos esta volta

 

Haberá fragmentos de vida nestas pedras

onde vai xacer o noso alento

suspendido quizais

nunha fronteira inconclusa

son tantas balas as que xa levo dentro

tantos medos ciscados a carón desta bruma

hoxe coa aparencia de toxeira indefinida

 

O odio que lles deixa ás escuras

vai mancándonos aos poucos

cando é certo que este silencio de metralla

gangrena as respostas

dos que non temos máis horizontes

ca os cachafundos desta noite

 

E ningún de nós quixo durmir

só engulir o tempo cada vez

baleirándonos

dóenme estas rúas que ensanchan o desacougo

atravesando mainamente

os nosos corpos trastornados

e calcifícaseme o interior

mentres perdemos os folgos e os agochos

que demoran o tempo

para te encontrar

 

Porque aínda as ecolalias chantan aquí o seu nome

e digo: preso frío morte

tódalas palabras vertebradas na nosa indecisión

imantan sombras como unha advertencia

no momento xusto de partires cara a morte

nesta anunciada orquestra criminal

 

Procuro talvez un impulso

para me defender da cegueira deste andazo

onde van retornando

como unha ecolalia espiral

as palabras que xa naceran mortas

 

Guindáronnos un a un ben amarrados

e tras dun único berro

todos abajo

enchemos unha vez máis a gorxa

rendidos fronte ás Salgueiras

 

condenados

así

 

O cabo agarda a que lle chegue a inspiración

aínda me da para me lembrar de vós

unha vez máis

un aire familiar esparexeuse na paisaxe

serei o primeiro ou o último

as ondas esmáganse nos cons

como unha imperturbable sentenza

 

 

Hai un pouso de silencio no vento rebelde

que se ergue altivo cada outubro

nesta volta da memoria