Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O plan xeral punta do iceberg dos intereses económicos locais

O plan xeral punta do iceberg dos intereses económicos locais

Correo-e Imprimir PDF
Publicado A Nosa Terra
A empresa Oficina de Planeamento da Coruña encárgase de redactar un Plan Xeral de Ordenación Municipal para Nigrán que en principio xa foi presentado ás espaldas da corporación e do pobo de Nigrán. Este será o primeiro Plan en vigor nese concello do Val Miñor.

A pesar de estar exposto a tensións urbanísticas moi fortes como consecuencia da súa localización no litoral, Nigrán era dos poucos concellos do seu tamaño que se rexía polas Normas Subsidiarias de Planeamento. En xeral, os municipios deste tipo dispoñen dun Plan Xeral, aínda que en fase de adaptación ás leis do solo de carácter autonómico e estatal.

Nigrán, xunto con Sanxenxo, é un dos concellos que máis lle abre o apetito aos promotores urbanísticos, por iso a necesidade dun Plan Xeral de Ordenación Municipal é imperiosa. Aprobar un, sexa cal sexa, implica establecer un crecemento transparente e que as presións urbanísticas non teñan o peso da actualidade, aínda que non deixarán de estar presentes e serán lexítimas mentres non traspasen o límite da reclamación política.

Hai, ademais, gran número de irregularidades urbanísticas que David Giráldez denunciou con constancia nos últimos meses. Entre estas denuncias, a última tivo lugar cunha tala ilegal en Monteferro, nun monte de especial protección regulado pola Ordenanza Municipal número dezasete. Esta tala produciuse nunha parcela de 16.000 metros cadrados que encaixa nun proxecto da Deputación de Pontevedra para ampliar un vial, levar auga e luz e construírlle beirarrúas. O propio Giráldez cualificara de desproporcionada a intervención da Deputación que preside Rafael Louzán (PP), xa que en lugares análogos non se constrúen camiños tan amplos, “a menos que –dixo Giráldez– como insinuei, poda haber unha eventual recalificación no Plan Xeral que se prepara”.

Moi próximo a este lugar, en Sagún, David Giráldez tamén denunciou recentemente un proxecto de urbanización e obras que non se axustan ao planeamento. As obras paralizáronse polas denuncias do concelleiro, aínda que posteriormente o alcalde Alfredo Rodríguez Millares (PP) levantou a paralización.

En Monte Vilariño sitúase outra das intervencións denunciadas polo concelleiro nacionalista. Neste caso tratábase dun aterramento con depósito de pedras en solo forestal protexido, nas inmediacións do Pazo de Villarés.

Outra das denuncias recentes de Giráldez está relacionada cunha modificación das normas no centro de Panxón. A irregularidade neste caso ten que ver cunha autorización para darlle un andar máis a un edificio a cambio de ensanchar o vial. O problema é que o novo volume edificábel é maior do que correspondería á cesión de terreos realizada.

Outra das últimas denuncias formuladas polo concelleiro provocou unha sentenza xudicial que anulaba unha modificación das normas para adaptalas a un plan parcial en Rans, nas inmediacións de Lourido.

Estes son algúns casos, pero ao longo da súa traxectoria política, o concelleiro David Giráldez denunciou numerosas irregularidades urbanísticas nun concello onde a norma é precisamente o incumprimento do planeamento e o obxectivo é tirar partido dunha especulación que sempre deu moito que falar. Tivo moita sona a denuncia por parte de Giráldez, hai dez anos, dun aparta-hotel en Patos e un camping na mesma zona. Os máis dos casos das denuncias do concelleiro do BNG tiveron lugar mentres gobernaba a dereita, que ocupou o concello desde o franquismo con sucesivos alcaldes, aínda que foi Avelino Fernández (hoxe do PINN e aliado co PP) o que máis estivo no poder. De todos xeitos, Giráldez colocou no punto de mira público algunhas iniciativas do único alcalde socialista que gobernou Nigrán, entre 1999 e 2003. Nese mandado foi adiante a construción do Solo de Actuación Urbanística número tres en Area Alta, Panxón, onde se construíron 166 vivendas e dous hoteis sen que, segundo denunciou o concelleiro no seu momento, as obras se axustasen ás licenzas outorgadas.

 A dereita local, de lúa de mel
Tras anos de enfrontamento, hoxe a dereita local vive unha lúa de mel na que todos renunciaron a parte dos seus propósitos a cambio dun goberno estábel no que os proxectos urbanísticos agroman en cada esquina. Víronlle as orellas ao lobo nas últimas eleccións municipais, cando o alcalde saínte, o socialista Manuel Rial Cadaval, conseguiu que a lista que encabezaba subise de tres a cinco concelleiros e se convertese na candidatura máis votada.

Había anos que a dereita en Nigrán estaba enfrontada. Avelino Fernández gobernou a localidade ao longo de varios mandados até 1995. Nas municipais dese ano, Xosé Villar, á fronte dunha candidatura independente, arrebatoulle a alcaldía a Fernández. A resposta do PP a finais dese mandado foi expulsar a Avelino Fernández e fichar a Xosé Villar para que encabezase a súa lista en 1999.

Villar non conseguiu a maioría absoluta no 99 pero si que o PP fose a forza máis votada, con sete concelleiros. Como vinganza, Avelino Fernández, que co Partido dos Independentes de Nigrán obtivo cinco edís, deulle o seu voto a Manuel Rial (PSOE). Este último contaba con tres concelleiros, pero ademais dos votos do PINN, na elección de alcalde conseguiu o apoio dos dous nacionalistas do BNG. O resultado foi que Rial conseguiu o voto da maioría absoluta da corporación e formou un goberno no que xunto aos socialistas se integraron os independentes pero non os nacionalistas.

Ese mandado da corporación resultou complicado. Manuel Rial chegou a quedar completamente illado pero a dereita non o desaloxou do poder porque non foi quen de poñerse de acordo para presentar unha moción de censura. Ademais, curiosamente, Xosé Villar acabou o mandado máis próximo ás teses do PINN que as do PP e este partido acabou prescindindo del nas últimas eleccións.

En 2003, o PP tampouco lle deu a confianza a Avelino Fernández e elixiu para encabezar a súa lista a Alfredo Rodríguez Millares, que fora concelleiro do PP en Vigo, ademais de ser a man dereita de Horacio Gómez no Celta de Vigo. En resposta, Fernández e Villar presentaron cadansúa candidatura: o primeiro o PINN e o segundo Coalición Miñorana.

Os resultados non foron ben para a dereita, que socioloxicamente é maioría en Nigrán pero que está en recesión. Dos doce concelleiros que tiña en total no anterior mandado, pasou a dez: cinco para o PP e cinco para o PINN. Coalición Miñorana de Xosé Villar quedou fora do concello.

Nestas últimas eleccións, os socialistas lograron ser a forza maioritaria, con cinco concelleiros pero cunha porcentaxe superior que o PP e o PINN, que quedaron segundo e terceiro. O BNG conservou os seus dous edís.

A nova situación levou á dereita a pactar para impedir que continuase o crecemento da esquerda e para impulsar os seus propios proxectos, por iso Alfredo Rodríguez conseguiu os votos do PINN e foi investido alcalde. No acordo de Goberno, Avelino Fernández non tivo problema en conseguir acomodo e unha dedicación exclusiva.

Pero aínda que Alfredo Rodríguez, Avelino Fernández e Xosé Villar están en partidos diferentes, resulta unha posición táctica. En realidade, os tres militan no Partido Popular ou participan dos movementos cara o próximo congreso de xaneiro.

Aínda que Horacio Gómez entrou en política da man de Xosé Cuíña, o seu número dous Alfredo Rodríguez é próximo ao seu rival Alberte Núñez Feixoó e ao presidente da Deputación Rafael Louzán. Os outros dous, Avelino Fernández e Xosé Villar, pola súa banda, asistiron ás reunións que mantivo Xosé Cuíña na procura de apoios para ser candidato no congreso do PP que elixirá sucesor de Manuel Fraga á fronte do partido.

Descargar Reportaxe completa de A Nosa Terra.