Sábado, 2 Nov. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O Concello de Nigrán traslada o almacén municipal ao polígono de Porto do Molle.

O Concello de Nigrán traslada o almacén municipal ao polígono de Porto do Molle.

Correo-e Imprimir PDF
almacen-municipal-porto-do-molle41

En principio será cun aluguer un 40% por debaixo do que pagaba o Concello no antigo almacén. Un préstamo provincial xa adxudicado permitirá a posteriori a adquisición dunha parcela en propiedade para Nigrán nos terreos do polígono.

O Concello de Nigrán xa dispón dun novo almacén municipal para o departamento de Vías e Obras no Parque Empresarial Terciario Porto do Molle. Trátase dun espazo de 738 metros cadrados localizado no módulo central do polígono, na nave 6-D, cuxo aluguer mensual é un 40% inferior ao que se pagaba polas antigas instalacións. Así, o custe actual sitúase en 1.691 euros ao mes, "lonxe dos 4.235 euros mensuais que supuña a nave arrendada na rúa dos Pazos", sinalan dende a administración socialista.

O almacén consta de tres plantas, unha baixa, na que se garda o groso do material e dúas superiores, que nun futuro se poderán utilizar como oficinas. O goberno sinala que cumpre, ademais, todos os requisitos precisos relativos á normativa de saúde laboral e seguridade contra incendios. "Este novo emprazamento, no centro do municipio, vén respaldar a nosa aposta como administración local polo crecemento e consolidación de Porto de Molle como foco industrial da comarca", apuntou Juan González, alcalde de Nigrán.

O responsable precisou que os vehículos municipais que antes se aparcaban no almacén se trasladaron á antiga escola taller de artes e oficios da rúa Paradellas, detrás do IES Val Miñor, no que tamén se atopan os vestiarios para o persoal laboral.

O traslado do material e das ferramentas realizouse a principios de marzo, mes no que vencía o contrato de aluguer firmado polo anterior goberno municipal en 2012 e que supuña un desembolso de case 51.000 euros anuais, "sen contar o custe das reformas que se efectuaron no local, que ascenden a 28.909 euros", apuntan dende a nova administración.

Situación á que os socialistas engaden "que o solo no que se sitúa a nave é rústico, non industrial", de xeito que non é posible obter licenza para o seu uso como almacén. "Xa dende a oposición criticamos o derroche que supuña para as arcas municipais o arrendamento durante os catro anos do antigo local", lembrou o rexedor.

Lembran que unha das promesas do goberno de Nigrán era "buscar unha solución a este gasto desmedido", polo que unha vez concluído o contrato de aluguer, decidiron non renovalo e emprazar, con carácter temporal, o almacén municipal nunha das naves bioclimáticas de Porto do Molle por un prazo de dous anos prorrogables. Durante este período de tempo, o Concello ten previsto adquirir unha parcela no parque empresarial para construír un espazo propio co préstamo concedido pola Deputación de Pontevedra en agosto de 2015 e que ascende a 344.679,41 euros.
"Estamos moi satisfeitos por ver cumprida unha das nosas promesas electorais, que permitirá aforrar unha importante cantidade de cartos ás veciñas e veciños de Nigrán", declarou González, quen salientou a instalación do almacén no parque industrial, "que se está a converter nunha parte moi importante do presente e o futuro do municipio".