Sábado, 2 Nov. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O servizo municipal de auga chegará ao Camiño do Monte en Priegue.

O servizo municipal de auga chegará ao Camiño do Monte en Priegue.

Correo-e Imprimir PDF
augachegacaminhodomonte

Unha vez rematadas estas obras, o Concello de Nigrán anuncia que acometerán as de saneamento no camiño do Rincho (Ceán) e en Salgueiral e Regueiro (Camos)

O Concello de Nigrán iniciou as obras para achegar o abastecemento ao Camiño do Monte, en Navás (Priegue). Estas beneficiarán a decenas de veciños que ata agora non dispoñían de auga corrente e as leva a cabo a empresa de Parada (Nigrán) 'Espazo Cúbico', cumpríndose así a vontade do goberno local de dar traballo a firmas do municipio. Posteriormente, emprenderanse as obras de saneamento no Camiño do Rincho (no barrio de Ceán) e na rúa Salgueiral e o Camiño do Regueiro (parroquia de Camos), de xeito que estén rematadas e xa en funcionamento a inicios deste ano. En total, o Concello de Nigrán inviste nelas 86.000 euros (sen IVE) e cumpre así coa súa parte do convenio asinado en 2013 con Augas de Galiza e que foi anulado unilateralmente o 27 de xullo por parte da Xunta, organismo que se comprometera a levar o saneamento a parte de Parada e Camos.

"A súa realización supón un novo paso cara a consecución do obxectivo final deste goberno de levar o abastecemento de auga e saneamento a todas e cada unha das casas de Nigrán", sinala Juan González, alcalde do municipio. Precisamente, en Camos instalouse e quedou xa finalizada hai menos dun mes unha rede xeral soterrada ao longo de 3.110 metros da PO-332 dende o torreiro de As Angustias ao Centro Cultural A Camoesa (rúa dos Pazos, na beiravía dereita en dirección a Camos). Desta nova canalización xa rematada partirán as redes secundarias das poboacións da zona, tanto para esta parroquia como para Parada, núcleos de Nigrán e incluso permitiría unha mellora da conexión ao polígono industrial Porto do Molle, polo que se instalaron arquetas e cruces para as redes secundarias. "Esta obra non significa que con ela chegue o abastecemento de auga de forma definitiva a Camos, pero sí é o primeiro paso para que nun futuro poida ser así, xa que desta conexión xeral partirán as secundarias aos diferentes barrios", asegura Juan González, alcalde de Nigrán. Por outra banda, González confía en que a Xunta de Galicia rectifique na súa decisión de anular o convenio de abastecemento e o reactive de xeito inmediato.

O citado acordo asinado en 2013 polo que se levaba a cabo a obra de saneamento e abastecemento ás parroquias do municipio de Nigrán contaba cunha dotación de 800.000 euros por parte da Xunta de Galicia e de 200,000 por parte do Concello de Nigrán. No caso concreto de Parada, tiña un orzamento de 553.216,85 euros e era considerada como prioritaria polo actual goberno, por iso a cuestión foi levada ao seu primeiro pleno o día 30 de xullo, onde se aprobou con tódolos grupos a favor. A cuestión figuraba na orde do día pese a que o 27 de xullo o organismo Augas de Galicia comunicou por escrito ao Concello a sua revogación do mesmo "por incumplimento", feito rexeitado contundentemente polo goberno e tódolos demais partidos. No mesmo pleno, a corporación por unanimidade acordou aprobar o punto tal e como estaba previsto (e como pedía Augas de Galiza para seguir adiante) e ao mesmo tempo, e tamén por unanimidade, se decidiu engadir unha enmenda que faculta ao alcalde a interpoñer un recurso contencioso-administrativo se a Xunta non rectifica na súa decisión.