Denuncian que o goberno tivo que “tramitar de cero a contratación dos monitores ante a intención do anterior rexedor de privatizar o servizo”
O Concello de Nigrán abre o luns 26 os prazos de inscrición para as actividades contempladas no programa socio-cultural e deportivo. Estas deberán facerse no Pavillón Municipal de Panxón de 10,00 a 13,00 horas e de 18,00 a 20,00 horas (son 15 días de prazo de inscrición).
Denuncian que o anterior goberno tiña a intención de entregar a unha empresa privada a xestión de todas as actividades, “algo totalmente en contra das ideas do actual goberno, que aposta por que este servizo sexa sempre público”, afirman.
Advirten que esta decisión provocou o retraso no período de inscrición e inicio do curso, xa que houbo que comezar de cero a tramitación da contratación dos monitores, un proceso longo que require previamente de moitos informes internos.
“Temos claro que ten que ser un servizo público, lamentamos o retraso pero foi precisamente para evitar a súa privatización”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán.
A maiores, engade que “non só se mantén a Escola de Cerámica que o anterior goberno do PP pretendía pechar para trasladar alí a biblioteca, se non que se aposta por reforzar a actividade e darlle un maior valor, xa que é un referente dentro das escolas de Galicia”.
As actividades que se ofertan son as mesmas que os anos anteriores e se manteñen os prezos de 2014-2015.
DEPORTIVAS: Ximnasia de mantemento, ximnasia para a terceira idade e aeróbil (16 horas/mes), taekwondo (20 horas/mes), Tai Chi (10 horas/mes), Ioga (16 horas/mes), Patinaxe (24 horas/mes), Tenis (36 horas/mes).
CULTURAIS: Cerámica e pintura (32 horas/mes) e música (56 horas/mes).
Contratación de monitores
A contratación dos monitores (que sería ata o 31 de maio de 2016) realizarase mediante concurso-oposición, sendo o prazo de presentación de solicitudes de cinco días hábiles a partir do luns. As bases estarán colgadas na propia web do Concello dende este domingo.