Usuarios, persoal do Concello e o profesor de Dereito Jacinto Lareo analizarán a casa consistorial, unha farmacia e a oficina de correos
Este venres celebraranse unhas xornadas informativas no Auditorio Municipal nas que participarán usuarios do centro, profesionais da arquitectura, o dereito, e a comunicación.
O Concello de Nigrán e o Centro de Educación Especial Juan María, en Parada, unen forzas nun proxecto pioneiro en Galicia destinado a promover a inclusión e mellorar a accesibilidade no municipio, adiantándose e mellorando deste xeito a lei de accesibilidade de Galicia aprobada este ano. A iniciativa “Un Nigrán para todos” será explicada polo miúdo este venres nunhas xornadas informativas no Auditorio Municipal ás 20.00 horas na que participarán profesionais de diferentes ámbitos.
O proxecto presentado esta mañá no Concello implica a creación dun grupo de traballo integrado por persoas do Centro Juan María, Jacinto Lareo (profesor de dereito administrativo na facultade de Dereito de Vigo) e edís do goberno. Este grupo se reunirá unha vez ao mes e durante un ano co fin de analizar o entorno de Nigrán, concretamente traballarán en espazos como a propia casa consistorial, unha farmacia, a oficina de Correos, un restaurante-cafetería e todos aqueles que se vaian suxerindo.
O obxectivo non so é eliminar as barreiras físicas que impiden o acceso a determinados espazos, se non as barreiras sensoriais que impiden o acceso á información a través dos sentidos ou as barreiras cognitivas que impiden a comprensión do entorno e os seus elementos. Precisamente, María Santos Comesaña, directora do Centro Ocupacional e de Día, incide en que “a falta de accesibilidade na discapacidade intelectual é a gran esquecida porque tradicionalmente se pensa nas barreiras físicas, que están máis claramente lexisladas”. Por exemplo, para unha persoa con discapacidade intelectual frecuentemente os iconos ou sinaléctica resultan moi confusos (moitas veces é case imposible para eles descifrar cal baño é para cada sexo). En definitiva, “Un Nigrán para todos” busca a inclusión das persoas con discapacidade intelectual mediante o desenvolvemento de accións informativas, análise, adaptación, validación, divulgación... E todo elo participando activamente nun grupo de traballo especializado en accesibilidade para adaptar espazos.
“Proxectos como este satisfácennos especialmente. Tódalas pautas que dende aquí xurdan serán aplicadas cada un dos novos espazos que vaian nacendo en Nigrán e, ademais, iremos reformando os xa existentes. A nosa máxima é loitar para alcanzar un Nigrán ideal co que todos soñamos e onde todos vivamos un pouco mellor, e por iso apostamos 100% por este proxecto”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán.
Neste senso, o Juan María ten experiencias previas moi satisfactorias, como 'Una voz para todos', exemplo de prensa adaptada de fácil lectura e gran uso de pictogramas ou 'Reporteros en red', un medio en soporte web no que os propios usuarios crean a noticia (dende a búsqueda, redacción, maquetación ou edición).
Xornadas Informativas do 23 de outubro
Nas xornadas do venres no Auditorio Municipal (20.00 horas) participarán, ademais de profesionais e usuarios do Centro Juan María, Jacinto Lareo, profesor de Dereito Administrativo na facultade de Dereito de Vigo; o arquitecto Alfonso Cuevas; Chano Criado del Rey, avogado experto en discapacidade intelectual.