A demorada estrea da película “A volta dos nove” de Antonio Cairo dará inicio este venres a unha serie de actos que en solitario ou en colaboración con asociacións civís o Concello de Nigrán promoverá en materia de memoria histórica. Continuará o sábado coa participación na homenaxe á Volta dos 9 que organiza todos os anos o Instituto de Estudos Miñoranos en Baiona. E dende alí o goberno anuncia que dará comezo unha serie de actividades na materia cara ao 2016 cando se cumpra o 80 aniversario do golpe de Estado de Francisco Franco.
O alcalde Juan González, autor de varios libros de investigación sobre a represión franquista en Nigrán e o Val Miñor, convida “a todo o pobo a que se sume a esta merecida homenaxe aos que defenderon a liberdade e a democracia contra o fascismo” e anima a que se asista aos actos.
Pase da Volta dos Nove
O documental ‘A volta dos nove”, dirixido polo gondomareño Antonio Caeiro, poderá ser visto por primeira vez en Nigrán este venres 16 de outubro no Auditorio Municipal (20.30 horas) coincidindo precisamente co 79 aniversario dos brutais asasinatos falanxistas de nove veciños do Val Miñor, cinco deles de Nigrán.
A película foi estreada o ano pasado en Vigo e posteriormente en Gondomar a instancias do Instituto de Estudos Miñoranos, despois de que o anterior goberno do PP non cedese espazo para elo no Auditorio de Nigrán.
Agora dende o Concello sinalan que o alcalde Juan González, “convida a todo o pobo a que se sume a esta merecida homenaxe aos que defenderon a liberdade e a democracia contra o fascismo e anima a que asista á proxección”.
Ofrenda floral e actos en Sabarís e Baiona
Ademais, o goberno local unirase á tradicional ofrenda floral do Instituto de Estudios Miñoranos (IEM) o sábado 17 de outubro ás 12. horas no cemiterio de Sabarís e posteriormente (sobre as 12:45h) na coñecida como curva da ‘Volta dos nove”, en Baredo e baixo a obra do escultor Fernando Casás, onde foron fusiladas estas persoas.
As execucións de veciños do Val Miñor en outubro do 36.
Lembran dende o Concello de Nigrán que a execución de nove veciños do Val Miñor foi froito “da vinganza e represión dos falanxistas polo suceso do día anterior en Sabarís, cando no asalto das forzas nacionais á casa dos irmáns republicanos “Os Ineses” morreron estes e tamén un dos falanxistas”.
Engaden que horas despois os partidarios do golpe de Estado colleron a nove veciños detidos na prisión do Frontón, en Vigo, e os fusilaron na curva de A Bombardeira, en Baredo.
Cinco eran de Panxón (Nigrán) e os cinco eran mariñeiros: Manuel Aballe Domínguez, de 41 anos; Felicísimo Antonio Pérez Pérez, de 44 anos; Generoso Valverde Iglesias, de 37 anos; Modesto Fernández Rodríguez “O Rei Chiquito”, de 47 anos; e Manuel Barbosa Durán, de 30 anos que aínda natural de O Burgo (Baiona) tamén vivía en Panxón.
Canda eles foron asasinados Elías Alejandro Gonda López, labrador de 36 anos de Sabarís; Francisco Manuel Lijó Pérez, mariñeiro de 34 anos de Baíña; Fidel Leyenda Rodríguez, tamén mariñeiro de Baíña de 51 anos; e José Rodríguez González “O Pelonio”, mariñeiro de Baiona de 45 anos.
“Unha tráxica historia de vinganzas e morte que supuxo nove familias de Nigrán e Baiona destrozadas pola senrazón dunha guerra civil e que deixaría unha pegada imborrable na memoria dos miñoranos, xa que durante os 40 anos de ditadura militar nove cruces apareceron marcadas na terra ou nas rochas de Baredo para que ninguén esquecera o vil asasinato de oito mariñeiros e un labrador que nada fixeran”, afirman.
Cara ao 80 aniversario do Golpe de Franco.
O goberno de Nigrán quere continuar estas actividades no eido da memoria histórica cara ao 2016 cando se cumprirán 80 anos do golpe de Estado, co obxectivo “divulgar o impacto da loita e da represión no municipio e dar así cumprido homenaxe a todos aqueles que loitaron pola liberdade e pola democracia”, avanza o rexedor, Juan González.