Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O goberno de Nigrán anima á veciñanza a concorrer á manifestación a prol dun hospital “100% público”.

O goberno de Nigrán anima á veciñanza a concorrer á manifestación a prol dun hospital “100% público”.

Correo-e Imprimir PDF
pleno-nigran-2015

Alcalde Juan González: "Queremos un hospital 100% público"
Tódolos partidos da corporación agás o PP aprobaron no último pleno unha moción que denunciaba as carencias do novo centro e que ademais apoiaba a convocatoria de manifestación o 3 de setembro

O goberno de Nigrán anima á veciñanza a participar na manifestación do xoves en Vigo convocada pola Xunta de Persoal do Sergas e SOS Sanidade Pública a favor dun hospital Álvaro Cunqueiro 100% público e en contra das alarmantes deficiencias desta infraestrutura. No último pleno do Concello de Nigrán, celebrado o 30 de xullo, tódolos partidos políticos agás o PP, que se abstivo, votaron a favor dunha moción que demandaba un centro 100% público e que ao mesmo tempo incluía o apoio expreso á citada manifestación.

Esta mesma moción impulsada polos convocantes foi apoiada en diferentes municipios da área sanitaria de Vigo -con Vigo á cabeza- coa especificidade de que en Nigrán se engadiu un punto relativo á necesidade de contar con transporte público ata o centro ubicado en Beade e para o que actualmente non hai posibilidade algunha de chegar en autobús.

"Queremos un hospital 100% público, con tódolos servicios públicos e transporte público para achegarse a el", insiste Juan González, alcalde de Nigrán, quen denuncia a súa privatización e os recortes feitos sobre o proxecto orixinal, ademais da "taxa inxusta que os pacientes teñen que pagar en concepto de parking".

A manifestación foi convocada o día 3 ás 20.00 horas na entrada do Xeral pola rúa Pizarro ao ser o día previsto de peche das Urxencias do Xeral. Sen embargo, o propio traslado ao novo hospital foi paralizado pola Xunta a semana pasada ao dar positivo os resultados dos controis microbiolóxico despois de que os sindicatos levasen semanas denunciando diversas situacións de risco e a incoherencia de facer o traslado de pacientes a un centro que nalgunhas zonas está aínda en obras.