A medida, enmarcada nun proxecto piloto da Deputación, permitirá rebaixar o consumo entre un 51% e 80%
O Concello de Nigrán participa nun proxecto piloto da Deputación que permite trocar as lámpadas convencionais de sodio por iluminación LED de baixo consumo. Os traballos de reposición realizáronse ao longo deste semana e xa están culminados, anuncia a administración local.
Sinalan que a nova medida suporá reducir a potencia de consumo entre o 51 % e o 80 %, o que ao mesmo tempo permite diminuír as costas de funcionamento das instalacións de iluminación pública e, sobre todo, permítelle ao Concello optimizar o gasto enerxético neste ámbito.
Estes novos puntos de luz están conectados a un único cadro de iluminación pública, onde se concentran os instrumentos de control e de telexestión, cuxa regulación punto a punto permite maximizar os aforros de enerxía e a eficiencia no mantemento. Por exemplo, é posible programar os horarios de encendido e apagado ou regular a intensidade lumínica.
Os datos que se capturan nesta proba piloto envíanse a unha plataforma tecnolóxica de última xeración, baseada no concepto IoT (Internet of Things), con capacidade de xestión e avance das actividades de operación e mantemento.
Esta iniciativa pertence ao proxecto "depoGAP", promovida pola Deputación de Pontevedra e cofinanciada nun 70% a través de fondos europeos Feder. DepoGap pretende promover un novo modelo de xestión dos activos públicos a través das novas tecnoloxías e coa colaboración e participación cidadá.