O Concello afirma que a non retirada destas especies invasoras nos últimos catro anos provocou a masiva presenza das mesmas nos 3.500m² de superficie traballada.
O Concello de Nigrán celebrou este xoves a súa primeira xornada de voluntariado no ecosistema dunar de Panxón, actividade que se espera repetir o vindeiro día 13 e xoves seguintes..
Neste primeiro día, os voluntarios traballaron retirando especies invasoras nunha superficie de 3.500 metros, localizada no último sector dunar recuperado (cara o paseo de Panxón, fronte as instalacións deportivas) e o que se atopaba en peor estado de conservación.
En total, recolléronse once sacos entre as nove e doce da mañá baixo ás indicacións de Rubén Rial, edil de Vías e Obras, e o biólogo Juan Hermida (concelleiro socialista na etapa de Efrén Juanes e gran impulsor da súa protección).
Os voluntarios fundamentalmente arrincaron as plantas coñecidas como conyza canadensis, cortadeira selloana ou herba da Pampa e arctotheca caléndula, popularmente denominada margarita africana.
Estas tres especies atopábanse moi espalladas neste espazo, aínda que a súa presenza é moi habitual en toda a franxa costeira de Galicia e norte de Portugal dende hai xa décadas. “O problema que xeran é que se espallan rapidamente, impedindo que crezan as especies autóctonas. Todo elo repercute nunha menor biodiversidade no sistema dunar non só de plantas, senón tamén de fauna, xa que non atopan os ingredientes fundamentais dos que alimentarse. Ao fin é todo unha cadea, e a biodiversidade contribúe a conservar as dunas que, en definitiva, son as responsables de fixar o areal”, sostén Hermida.
Segundo explica Rubén Rial, o mellor momento para a eliminación das invasoras é no principio da primavera por dous motivos: as plantas son máis fáciles de identificar e evítase que desprendan sementes que agraven o problema en anos posteriores. Xa nestas alturas do ano, pasado o periodo de floración, só se pode atopar a parte vexetativa da planta. “O novo goberno non chegou a tempo para a primavera. É moi triste que neste últimos catro anos non se fixera nada nestas dunas, nos temos a firme intención de recuperalas por completo e de facer actividades de voluntariado que sirvan para coidalas e, ao mesmo tempo, para concienciar á cidadanía da importancia de manter o entorno saudable”, explica.
O biólogo Juan Hermida destaca que o ecosistema dunar de Panxón é especialmente rico en biodiversidade, atopándose ducias de especies diferentes entre as que destaca a scrophularia frutescens, sysimbrium officinale, pancratium maritimum ou eryngium maritimum. O ecosistema conta con representacións de hábitats do tipo dunas marítimas das costas atlánticas e do mar do Norte e do Báltico, dunas móbiles embrionarias, dunas brancas e dunas costeiras fixadas con vexetación herbácea, coñecidas como dunas grises. Tamén están presentes diversos taxones de fauna, así como hábitats de interese comunitario entre os que destacan especies vulnerables como a píllara das dunas ou a salamandra, entre outras.
O Concello de Nigrán lembar que o proxecto de recuperación dunar, comezado no ano 2005 e especialmente impulsado a partir do ano 2007 co goberno de Efrén Juanes, obtivo en 2009 un premio da Fundación Biodiversidad, dotado con 50.000 euros. O espazo forma parte asemade do Inventario de Sistemas Dunares de España da Dirección Xeral de Costas. Actualmente ocupa un espazo de 35,000 metros cadrados e está pendente da súa declaración como Espacio Natural de Interés Local (ENIL).