A candidatura NIGRÁN DECIDE pide ao alcalde de Nigrán a convocatoria "urxente da Asemblea do Consello Sectorial do PXOM de Nigrán", para que sexan informados os colectivos veciñais da situación de tramitación do PXOM, segundo anuncian nun comunicado. Denuncian que o alcalde socialista, Juan González incumpriu o compromiso asumido coa súa agrupación, pois xa debiu telo convocado.
Dende a agrupación lembran que "tal como se configurou o Consello Sectorial do PXOM no seu regulamento aprobado por unanimidade o 28 de maio de 2008, é o órgano para canalizar a participación da cidadanía na tramitación do PXOM".
Advierten ao alcalde socialista do imcumprimento dos compromisos asumidos para a súa investidura.
Sinalan que o actual alcalde "xa incumpriu o segundo compromiso das 37 propostas que NIGRÁN DECIDE presentara de cara a un pacto de investidura, que consistía que no mes de Xuño de 2015 sería a primeira convocatoria do Consello Sectorial, tendo a partir dese momento que funcionar segundo se indica no seu regulamento de participación".
Engaden que "ademais deste incumprimento, se non é convocado antes do 13 de agosto, cando o actual alcalde Juan González cumpre dous meses de mandato, estaría tamén incumprindo o regulamento do Consello Sectorial que no seu artigo 12 indica que a asemblea do Consello Sectorial do PXOM reunirase, en sesión ordinaria, polo menos unha vez cada dous meses".
Para José Cuevas, "hai que lembrar que o anterior alcalde, Alberto Valverde, paralizou o seu funcionamento e, como consecuencia de dita parálise, presentouse unha moción que contou cos votos favorables do PSOE, na que se instaba ao entón alcalde de Nigrán a que o convocase de forma inmediata. Non basta con dicir que se vai gobernar de forma transparente e participativa; haino que demostrar con feitos".