O goberno socialista de Nigrán levará ao seu primeiro pleno ordinario do 30 de xullo a contratación das obra de abastecemento de auga na parroquia de Parada. A actuación, contemplada nun convenio de colaboración de decembro de 2013 entre o Concello e Augas de Galicia que conta cunha dotación orzamentaria de 553.216,85 euros, segundo informan dende o Concello. A mesma e é considerada "prioritaria" polo actual goberno, que pretende así "axilizar ao máximo este proceso despois de que o expediente permaneza parado dende febreiro deste ano"
Engaden dende a alcaldía que "o retraso sufrido na súa tramitación non supoña ningún atranco para que siga adiante e que a Xunta manteña a súa aposta pese ao cambio de cor político no Concello".
"Inexplicablemente, o asunto non foi levado antes a pleno polo anterior goberno e para nos ten unha importancia radical. Os prazos son moi curtos e desexamos que Augas de Galiza siga defendendo o convenio, cuxa execución prevista é de 6 meses", explica Juan González, alcalde de Nigrán. O proxecto pretende ampliar a rede existente mediante unha nova canalización, o que permitirá conectar as redes secundarias.
Os veciños desta parroquia e de Parada, ao igual que en Camos, abastécense mediante pozos ou traídas comunais que se nutren de manantiais, polo que o goberno entende que se debe dar resposta a esta demanda histórica de xeito inmediato.