O goberno socialista de Nigrán afirma que manterá "a súa aposta firme pola máxima representación política e participación dos diferentes partidos na corporación".
O PSOE informa a través dun comunicado que o Partido Popular de Nigrán ven de poñer un recurso de reposición contra a decisión aprobada por tódolos demais partidos políticos (PSOE, Nigrán Decide, BNG e UCN) no pleno do día 25 de xuño, onde se acordou facilitar que UCN e BNG formasen grupo propio sen ter que integrarse nun mixto (estas formacións acadaron un único concelleiro cada unha).
Adiantan que o goberno de Nigrán manterá a súa aposta firme de dar a máxima voz e participación a tódolos partidos da corporación que, en definitiva, foron elixidos pola veciñanza como os seus representantes nas pasadas eleccións. Así, considera moi positivo e mesmo saudable que ámbolos grupos poidan acudir a comisión informativas e plenos como voces independentes. "Dende o goberno socialista queremos preservar ao máximo a pluralidade democrática dando cabida a tódolos membros da corporación, e resulta evidente que UCN e BNG representan ideoloxías moi diferentes e que, polo tanto, desexan ter o seu propio espazo, tal e como nos e o resto de partidos agás PP tamén apoiamos", explica o alcalde, Juan González.
Engaden que o recurso de reposición interposto polo ex rexedor Alberto Valverde "é un reflexo da súa maneira de entender a política e vai totalmente en contra dos principios de participación, transparencia e representatividade que o novo goberno si defende. A intención do PP de que se anule un acordo plenario que non prexudica a ningunha formación nin ás arcas municipais resulta un verdadeiro ataque a toda a veciñanza de Nigrán, que tomou a súa decisión nas urnas o pasado 24 de maio".