-Traballadores e empresa chegan a un acordo para desconvocar a folga de lixo en Nigrán
-O Concello sinala que mediou dende o principio para que as partes chegaran a un acordo que beneficiase aos traballadores e ao propio municipio
A empresa concesionaria de recollida do lixo e limpeza de rúas en Nigrán, CESPA, e os seus traballadores chegaron hoxe a un acordo para desconvocar a folga que tiñan previsto iniciar o vindeiro 20 de xullo debido ás diferenzas con respecto ao novo convenio colectivo.
Dende a administración sinalan que a "mediación do Concello entre o sindicato convocante e CESPA serviu para achegar posturas e instar ás partes a que negociaran ata o último momento polo ben do municipio e polo ben de traballadores e a propia empresa".
Engaden que malia tratarse dun conflito interno da concesionaria, o goberno local "involucrouse dende o primeiro día que se anunciou co obxectivo de buscar unha solución a unha folga que tería sido moi negativa para os veciños, sobre todo en período estival. O propio rexedor e membros do goberno mantiveron dende o inicio diversos encontros con representantes sindicais e da empresa".
O Concello sinala que tanto por parte de CESPA como dos seus traballadores "houbo dende o primeiro momento unha total receptividade ás peticións por parte do Concello e unha total colaboración coa administración local, traballando e facendo as reunións necesarias, con total discreción, para que hoxe luns a asemblea de traballadores aprobara o acordo laboral coa empresa concesionaria e polo tanto a desconvocatoria da folga".
Trátase dunha moi boa nova para os empregados de CESPA e para a propia empresa, e sobre todo é unha magnífica nova para os veciños de Nigrán e para o municipio", finaliza Juan González, alcalde de Nigrán.