Esta peza xunto con outras distribuídas ao longo das ribeiras do río Muíños foron as primeiras industrias de Nigrán e déronlle nome á corrente fluvial. Especialmente importante pola súa particularidade arquitectónica é o muíño de tres moas, localizado en territorio do parque tecnolóxico industrial de Porto de Molle. Unha xoia histórica, documentada hai máis de 500 anos, que ben podería ser o símbolo deste parque coma da laboriosidade dos veciños e veciñas de Nigrán ao longo dos séculos. Sen embargo a súa estrutura está a piques de desaparecer deturpada pola vexetación silvestre, inda que o convenio con Zona Franca incluía o seu mantemento. Membros de SOS GROBA e o Instituto de Estudos Miñoranos manifestaron a súa preocupación polo estado deste patrimonio da bisbarra tralo seu pasaxe polo enclave nunha visita guiada onde participaron case un centenar de persoas.
Na Xeira do IEM que pasou polo enclave a pasada semana o arqueólogo Xosé Lois Vilar mencionou a existencia de documentos históricos que falan del cunha antigüidade de máis de 500 anos. "Non pode estar unha peza deste valor patrimonial comida polo mato, as silvas e as acacias que ameazan o pouco que queda da súa estrutura", sinalou.
Pola súa banda, o profesor Xilberte Manso, dende o blog de Sos Groba , lembra que o nome do río, Muíños, ten que ver con esta industria de moer "que está aí dende hai séculos, cando non había moitas máis en todo o concello, e xa moían para os veciños e veciñas por un prezo pagado en maquías, que redundaba en beneficio dos seus donos e os muiñeiros que facían o seu labor".
Afirma que o muíño de tres moas sobre a estrada de Porto do Molle, ten ademais do interese etnográfico, "un interese arquitectónico, o ter tres moas e unha arquitectura popular moi interesante, ao ser muíño e vivenda no mesmo edificio, e ter tres arcos no inferno, en cadansúa saída da auga para o río, despois de ter movido as penlas do rodicio".
Engade que segue a ser unha das poucas testemuñas en pé "dun patrimonio ligado ao río e a auga moi singulares, e que nesta zona foi a distribución da auga para regar, mediante a construción das chamadas "albercas", que eran unhas presas que gardaban a auga ata que ía rebordando para atrás, regando os campos por uns regos que ían inundando os campos nunha grande extensión de terra, e seguindo uns patróns de reparto de dereito de auga singulares".
Nese senso informa Manso da existencia dun traballo pendente de publicar feito por Xosé Lois Vilar, no que se recolle a toponimia do lugar, co nome dos regos e albercas que os veciños usaron durante séculos para aproveitar esas augas, "e que ten un grande valor etnográfico, dado que hoxe, pola construción da zona industrial por parte da Zona Franca de Vigo, xa desapareceron".