A Deputación de Pontevedra concedeulle, na Xunta de Goberno do pasado venres, unha subvención de 195.963 euros ó Concello de Nigrán para realizar, nun prazo de tres meses, actuacións de mellora da seguridade en sete vías de titularidade municipal. As actuacións consistirán na mellora dos firmes existentes, na ampliación de calzadas nalgúns tramos e en melloras da sinalización, sinala o comunicado provincial.
Ademais desas obras xerais, na rúa Manuel Alonso fresarase o cruzamento da rúa Vilameán coa avenida Val Miñor, pois o pavimento está moi deteriorado. Antes de chegar á intersección destas rúas instalarase un paso peonil elevado para reducir a velocidade dos vehículos e aumentar a seguridade viaria.
Ó longo da rúa Vilameán estenderase unha capa de rodaxe e, nunha pequena zona, próxima ó encontro coa rúa Pedrosa, ampliarase a calzada. Tamén se instalará un paso elevado antes do cruzamento de Manuel Alonso con Val Miñor.
Na rúa Rouxo ampliarase a calzada nunha superficie de 120 m2 próxima á intersección coa rúa Seixas Baixo; na rúa Condomínguez ampliarase a calzada nunha zona de 40 m2.
Finalmente, nas rúas Jesús Espinosa e Gondomar instalaranse cinco pasos elevados; na rúa Antonexas situarase unha sinal de limitación de tonelaxe para vehículos pesados (10 toneladas).