O próximo sábado día 7 de febreiro ás 20:00 horas, no local da Asociación de Veciños “A Unión” de A Ramallosa, Esquerda Unida fará un acto público no que presentará as bases do programa da candidatura de converxencia na que participará nas próximas eleccións municipais en Nigrán. Para a elaboración do programa Esquerda Unida invita a participar a toda a cidadanía e colectivos sociais como poden ser as asociacións de veciños, organizacións medioambientais, culturais e deportivas, etc.Â
Para Esquerda Unida “o programa é fundamental na elaboración dunha candidatura, xa que deberá ser un acordo coa cidadanía, un compromiso de acción institucional e unha fórmula de control democrático que permita fiscalizar a acción dos representantes da candidatura. É por elo polo que a candidatura de converxencia da que forme parte Esquerda Unida non se limitará a ser unha sopa de siglas ou de persoas, que só estean unidas contra o PP e o PSOE, se non que terá que basearse no proxecto para Nigrán que se queira levar a cabo. A candidatura de converxencia deberá formar un equipo de traballo sólido e homoxéneo, aínda que integrando diversas sensibilidades políticas, colectivos sociais e persoas independentes.”
No acto tamén se fará un balance do goberno municipal e a oposición nesta lexislatura, con especial referencia a actividade realizada por Esquerda Unida.