Esquerda Unida presentou unha emenda aos orzamentos de Nigrán para que se aumenten as liñas e frecuencias de transporte público no concello, coincidindo coa implantación do transporte metropolitano.
Para José Cuevas, voceiro de EU en Nigrán, este Plan está pensado principalmente para abaratar os custes para os usuarios, pero non para o aumento das frecuencias das liñas de transporte público, nin para o aumento de liñas. É por elo polo que na emenda se pide ao Concello de Nigrán a que negocie a implantación de novos servizos para incrementar a oferta de transporte público en Nigrán, especialmente nas parroquias mais abandonadas por este servizo. Lembra que a súa agrupación ten recibido queixas de todas as parroquias de Nigrán na que a veciñanza demanda unha mellora do transporte público.
Para Esquerda Unida a función do transporte público é garantir a accesibilidade aos bens, servizos e contactos coas demais persoas, independentemente do lugar onde se viva, da capacidade adquisitiva que se teña, da idade ou do xénero, e facelo sen xerar máis mobilidade que a estritamente necesaria cun sistema de transporte multimodal de carácter universal e público.
Para elo propón que se dote dunha partida de 26.500 euros, para cubrir o posible déficit tarifario destas liñas, tal como está previsto no borrador de convenio de transporte metropolitano.Para elo deberíanse establecerse servizos de predominante interese municipal para as parroquias do interior (Chandebrito, Camos e Parada) e, novos servizos de interese metropolitano que aumentarían as frecuencias das parroquias costeiras (A Ramallosa, Nigrán, Panxón e Priegue).Este aumento no gasto se compensaría con gastos orzamentados que exceden o importe contratado polo concello de Nigrán.