Servizos como os de Axuda a Domicilio e o de Transporte de persoas discapacitadas que brinda o Concello de Nigrán non posúen unha ordenanza ou regulamento cas delimite de xeito preciso. Funcionan en base a normas básicas de réxime interno desde a súa posta en funcionamento e non son poucas as queixas polo descoñecemento das mesmas por parte dos cidadáns . Na mesma situación atópanse outros como o Centro de Información da Muller (C.I.M.), o Centro Antena, o de Tele-asistencia, o Servizo de Educación Familiar, e os funcionamentos da Biblioteca municipal, a Praza de Abastos da Ramallosa e o Pavillón e pistas deportivas municipais. De todo isto dá conta un escrito recentemente presentado polo edil Antonio Fernández Comesaña (UCN) ante o Concello.
Promoverá Fernández unha resolución do pleno a prol de dar maior transparencia a estes coa elaboración de ordenanzas non fiscais ou regulamentos para estes servizos por parte dos técnicos municipais.
VM.info - Como funcionan ata de agora eses servizos, entón? Cada goberno lles pon as súas propias normas e regulamentos?
Fernéndez Comesaña - É certo que todos estes servizos están funcionando desde fai tempo, pero non dispoñen de ningún regulamento ou ordenanza aprobada polo pleno, que regule o seu funcionamento. Nalgúns casos existen normas básicas de réxime interno, desde a súa posta en funcionamento e con carácter experimental, polo que resulta dubidosa a súa eficacia.
VM.info - Qué beneficios darán esas ordenanzas aos usuarios na práctica?
Fernéndez Comesaña - O motivo de dispoñer destes instrumentos de funcionamento legais, perseguen dous obxectivos: por unha banda contar co respaldo e aprobación da corporación. Incidir na transparencia nas xestión dos servizos públicos, dado que ao ser obrigatoria a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, estarán ao alcance de todos os cidadáns e así evitar posibles arbitrariedades ou discriminacións, que nalgún caso puidesen existir.