Domingo, 8 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O BNG de Nigrán solicita a comprobación da efectiva realización do plan de investimentos de CESPA

O BNG de Nigrán solicita a comprobación da efectiva realización do plan de investimentos de CESPA

Correo-e Imprimir PDF
contenedores porto do molle2

O BNG-Nigrán  vén de rexistrar unha petición para que na próxima Comisión Informativa se analice “o estrito cumprimento do plan de investimentos ao que viña obrigada a concesionaria da recollida do lixo”, segundo o estabelecido no prego de condicións e no plan aprobado polo pleno.

Xavier Rodríguez, portavoz nacionalista, sinala que o obxectivo desta iniciativa “é comprobar, tal e como entendemos que é obriga do concello, a efectiva e completa realización dos investimentos comprometidos para, caso de que non se teñan efectuado na súa totalidade e sempre que estes non se antoxen como imprescindibles, proceder á correspondente rebaixa no canon que se lle abona á empresa”.

Para iso solicitan o pertinente informe de comprobación por parte dos servizos técnicos municipais, ao obxecto da súa análise no seo da comisión, así como a procedencia dos prezos dos investimentos coa súa correspondencia cos prezos de mercado.

Antecedentes do contrato de servizos de CESPA en Nigrán

Con data de 14 de decembro de 2004 asinouse o contrato de xestión de servizos de recollida de residuos urbanos e limpeza pública do municipio de Nigrán, entre o concello de Nigrán e a empresa CESPA, S.A. Segundo da conta o BNG nos pregos indícase que “O prazo de amortización será de 8 anos, é dicir, que á metade do contrato renovarase toda a maquinaria”.

Posteriormente no pleno do 25 de outubro de 2012 aprobouse o plan de investimentos para o 2013, “sen que teñamos constancia do seu estrito cumprimento, que se ben podería non resultar necesario dende un punto de vista técnico, si suporía (caso de non terse cumprido na súa totalidade)  un aforro nos gastos financieiros da concesionaria, o que debería ser repercutido nunha rebaixa no canon que o Concello de Nigrán paga a CESPA”, advirte Rodríguez.

A investigación de investimentos esixida polo BNG

Neste senso os nacionalistas esixen que o goberno de Nigrán dea conta do grao de cumprimento do plan de investimentos e, nomeadamente, “segundo o advertido tamén por algunha outra formación política no seu día”, a realización completa das seguinte inversións :

 Camión de carga lateral de 25 m3, valorado en 186.001 euros.

250 colectores de carga lateral de 2400 l. RSU valorados cada un deles en 905 euros, o que totalizan 226.161 euros.

220 colectores  de carga lateral de 2400 l. Selectiva valorados cada un deles en 956 euros, o que totalizan 210.311 euros.

30 colectores de reserva de carga lateral de 2400 l. RSU valorados cada un deles en 905 euros, o que totalizan 27.139 euros.

30 colectores de reserva de carga lateral de 2400 l. Selectiva valorados cada un deles en 956 euros, o que totalizan 28.679 euros.

Engade Xavier Rodríguez que “sería importante, igualmente, contrastar o prezo dos investimentos realizados, como, por exemplo, o prezo unitario das pezas de formigón adquiridas para delimitar os espazos de colectores  de carga lateral.