Martes, 14 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán #Nigrán : Dous edís do PP abandonan o pleno enfadados tras perder a votación.

#Nigrán : Dous edís do PP abandonan o pleno enfadados tras perder a votación.

Correo-e Imprimir PDF
garcia pazos

As nove mans en alto da oposición deixaban polo chan o proxecto de orzamento presentado polo goberno popular de Nigrán. En medio dun cruce de voces entre as distintas bancadas érguese o concelleiro Alberto García Pazos (Economía) e di algo que a maioría dos presentes non rematan de entender. Inmediatamente o concelleiro Antonio Souto (PP) acompaña a decisión de García e ambos os dous deixan o pleno antes do seu remate.

Nin o portavoz do PSOE, Juan González nin o de UCN, Antonio Fernández son capaces de reproducir con exactitude o que con evidente enfado farfallou García. Mais ambos os dous creen ter escoitado que decidía abandonar o pleno "e non volver a ningún máis coas consecuencias que iso tiña". Feito que secundaba Souto ao marchar.
Para Xavier Rodríguez (BNG) a cousa non está tan clara, "O que eu crin entender era que abandonaban o pleno, pero eu estou na outra punta", matizaba a VM. info. "Isto ocorreu tan pronto como rexeitamos o orzamento, entón levantouse Alberto e farfallou", sinala Rodríguez, "o que si dixeron claramente foi que renunciaban aos seus dereitos económicos".
Dende a sala de plenos varios veciños comezan a subir mensaxes á redes informando do feito. Na súa conta persoal en Facebook o portavoz de EU, José Cuevas anuncia que non se aprobaron os orzamentos do concello de Nigrán e que "dimite Alberto Garcia Pazos". Denuncia unha "actitude chulesca do alcalde" cara a oposición.
Horas despois nun comunicado do PP-Nigrán, o alcalde Alberto Valverde non aclara o sucedido pero afirma "En canto á reacción do tenente de alcalde e concelleiro de Economía, Facenda e Persoal, Alberto García, trala votación, o rexedor compréndea e enténdea".
"Despois do magnífico traballo realizado coa elaboración destes orzamentos, do seu esforzo e da súa dedicación para este concello e os seus veciños, é comprensible o seu desgusto, e sentirse enganado pola oposición, especialmente polo PSOE", sinalaba Valverde.
Engadía que tralas reunións mantidas e "tras incorporar ao orzamento todas e cada unha das propostas do grupo socialista, que malia iso optou por mentir e actuar movido por intereses electoralista". Feito que o concelleiro Juan González (PSOE), negou rotundamente tras ser consultado por VM.info.
Sen aclarar se a actitude de García era un arrebato do momento ou unha dimisión, Valverde remataba a súa alusión ao tema afirmando: "O rexedor subliña o valor de contar nas súas filas cunha persoa como García, co talante, a personalidade e a dignidade moral e humana que a cidadanía quere dos políticos na actualidade, non o talante doutros que só pensan nos votos e non nos veciños, e que demostra tanto no seu faceta profesional como médico como neste concello".
En todo caso o abandono de sala non tería valor formal de dimisión segundo coincidiron en sinalar todas as fontes consultadas. Aínda iso, a actitude de García e Souto abren unha nova incógnita no futuro do equipo de goberno de Alberto Valverde.