Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Nigrán estreou o servizo de “portelo único” que permitirá facer trámites coa Xunta desde o municipio.

Nigrán estreou o servizo de “portelo único” que permitirá facer trámites coa Xunta desde o municipio.

Correo-e Imprimir PDF
auditorio-nigran

Dende este martes os veciños poderán realizar trámites coa administración autonómica desde un portelo único no Concello de Nigrán, sen necesidade de desprazarse a outros municipios da bisbarra. A oficina habilitarase no propio Rexistro Municipal, na planta baixa do Concello, e permanecerá aberta ao público en horario de 9.00 a 14.00 horas.

"A apertura do portelo único en Nigrán simplificará e axilizará a realización de diversos trámites aos veciños ante outras administracións, evitando que sufran as consecuencias da dispersión espacial imposta pola estrutura das diferentes administracións e a complexo organigrama de cada unha delas", observa o rexedor Alberto Valverde.
A este servizo súmase a posibilidade de tramitar o DNI nas dependencias municipais, previa cita a través da Policía Local, "evitando os prexuízos e o gasto que desprazarse a outros municipios próximos xeraba aos nosos veciños", afirma o alcalde. Engade que tamén a adhesión a un convenio de colaboración entre a FEMP e a DXT, xa permite aos veciños de Nigrán realizar a tramitación do cambio de domicilio nos seus permisos de condución e circulación sen necesidade de desprazarse á Xefatura de Tráfico de Vigo.
Neste sentido, o rexedor municipal informa que nos próximos días porase a disposición dos veciños a través da páxina Web municipal diversos formularios para a realización de trámites co Departamento de Urbanismo, "que até a data había que solicitar en instancias municipais", engade.
"A habilitación dun sistema de pasarela de pagos para o abono de taxas ou tributos vía internet e o portelo único en liña son os próximos obxectivos do goberno municipal para ofrecer un mellor servizo e atención aos nosos veciños", conclúe Valverde.