Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O centro da terceira idade da Ramallosa foi inaugurado sen contar ainda coas preceptivas licenzas de actividade

O centro da terceira idade da Ramallosa foi inaugurado sen contar ainda coas preceptivas licenzas de actividade

Correo-e Imprimir PDF
casa-3-idade-ramallosa

Tras máis de 15 meses de inactividade o alcalde Alberto Valverde anuncia que o Centro da Terceira Idade de Nigrán retoma a súa actividade na vella estación do tranvía da Ramallosa.

Cun investimento 86.869 euros na súa remodelación, a empresa de recente creación, Janor Val Miñor S.L., con sede en Gondomar, explotará os servizos da cafetería por un máximo de 8 anos. Se ben o local leva dúas semanas aberto ao público trala súa inauguración o pasado domingo 27 de abril na que participou o alcalde, o anuncio oficial fíxose este martes tras outorgar a administración local a licenza de actividade da que carecía ata esta seman, segundo confirmaron diversas fontes da corporación a VM.

No anuncio público feita polo rexedor salientase o feito de que se está ante unha "actuación imprescindible para adaptar á legalidade e á normativa vixente estas instalacións municipais, que abren as súas portas cunha nova e mellorada imaxe"

O Centro abriu sen o proxecto xustificativo das obras aprobado, nin licenza de actividade.

Tras coñecerse estas afirmacións de Valverde, o concelleiro Antonio Fernández Comesaña cuestionou o proceder da administración. Afirma que o proxecto xustificativo das obras no edificio foron presentadas pola empresa ao día seguinte da inauguración e apertura do local, “con cambios en relación co proxecto inicial” que tiña aprobado o Concello de Nigrán.

Advirte que cunha celeridade que non se dá noutros casos, xa o día martes 29 de abril a enxeñeira municipal aprobaba os cambios introducidos: “variación na distribución da cociña e substitución de dúas barras por unha inicialmente prevista e de maiores dimensións”.

A un ritmo de 24 horas por resolución, o mércores 30 de abril a Xunta de Goberno local aprobaba o proxecto modificado e informado. Agrega Fernández Comesaña que con posterioridade a empresa comunicou ao Concello mediante “declaración responsable” que o local “axústase á normativa en vigor”, para poder iniciar a actividade regulamentariamente.  Documentación esta, que segundo informou o edil a VM “atópase pendente de comprobación polo técnicos municipais”, co xeito de comprobar o cumprimento dos requisitos “esixidos nas disposicións en vigor”.

Para UCN pódese estar ante un trato de favor.

Fernández Comesaña pregunta como pode ser que o alcalde primeiro inaugure o Centro da Terceira Idade, quede aberto ao público e  despois sexa presentada a documentación para a súa habilitación. “Oxalá puideran tratar así a todos os cidadáns” ironizou o edil. Salienta que as licenzas “aínda as de bares”  tardan nalgúns casos “máis dun ano en autorizarse, non permitindo a súa apertura ata ter concedida a licenza de actividade”.

Trátase a todos os cidadáns por igual? Cantos expedientes presentados con anterioridade están pendentes de resolver aínda?Puidese existir algún trato de favor? Como xustifica o alcalde tanta dilixencia neste caso e pasividade noutros?”, pregunta Fernández.

O alcalde non informou da inauguración no pleno celebrado ao día seguinte da mesma.

Finalmente, o concelleiro opositor sinala que no pasado pleno do 28 de abril, preguntoulle a Valverde “en que situación se encontraba o local e si todo estaba en regra para comezar a actividade”.  A pesar que a inauguración tivera lugar a noite anterior, sinala que o rexedor non informou da mesma nin que tampouco estaban aprobados os cambios ao proxecto orixinal do Centro. “Ocultou información á corporación”, denuncia Fernández. Foi “máis tarde cando nos decatamos da situación real”, conclúe.