Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O alcalde de #Nigrán comprométese a salvagardar o trazado e dimensións do Paseo de Panxón.

O alcalde de #Nigrán comprométese a salvagardar o trazado e dimensións do Paseo de Panxón.

Correo-e Imprimir PDF
antigos-areais-panxon

-Tras reunirse coa Xefatura Provincial de Costas, Valverde asegurou que as previsión indican que o paseo estará reparado antes do verán mais recoñeceu que aínda non se fixou a data de comezo das obras.

 O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, solicitou este venres  á Xefatura Provincial de Costas a reparación total dos danos ocasionados polos fortes temporais deste inverno no Paseo de Panxón.  Nunha reunión mantida na mañá coa máxima responsable de Costas, Cristina Paz Curbera, o rexedor municipal sinala que propuxo a esta administración limitar a actuación a reparar o tramo do paseo danado polos temporais, “polo que o trazado e dimensións do paseo non sufrirán ningunha modificación”, puntualiza.

Valverde convocará a xunta de portavoces solicitada por UCN.

Tras a reunión, o alcalde emitiu un comunicado informando que a proposta  será trasladada aos portavoces dos grupos políticos da corporación o vindeiro luns nunha reunión informativa. Aceptando deste xeito o pedido público formulado o día xoves dende a UCN. Na mesma, Valverde adianta que o plantexamento central será a “reconstrución do muro de contención do paseo tal e como está na actualidade”.

Paseo arranxado para o verán

Aínda que as datas exactas do comezo das obras de reparación do paseo aínda non están pechadas, Valverde adianta que tanto desde a Xefatura Provincial de Costas como desde a administración local están a realizarse as xestións oportunas para axilizar os tempos e comezar a actuación canto antes. “As previsións apuntan a que o Paseo de Panxón debería estar reparado e aberto ao público na súa totalidade antes do comezo da tempada estival”, conclúe. 

Mellora do espazo dunar

Tras un estudo dos danos ocasionados polos temporais no espazo dunar de Panxón, o rexedor municipal solicitou a Costas a restauración do espazo protexido. Entre os  danos detectados destacan a rotura dos valos de protección das dunas e da rampla de acceso á praia, así como outros danos de menor calado na fronte dunar e a limpeza de restos inorgánicos depositados no espazo dunar tras ser arrastrados polo mar.