Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Nigrán compromete a presenza dun centenar de axentes de seguridade nas fogueiras de San Xoán.

Nigrán compromete a presenza dun centenar de axentes de seguridade nas fogueiras de San Xoán.

Correo-e Imprimir PDF

- O Concello de Nigrán anuncia que despregará un forte dispositivo de seguridade e limpeza para cubrir as actividades que a partir da media noite do sábado despregará a Comisión de Festas de San Xoán de Panxón. O dispositivo anunciado contempla tamén o valado das dunas de Gaifar con 150 valas "para protexelas de calquera posible intrusión que puidese producirse ao longo da velada", sinala un comunicado da administración.

Ante as previsións da Comisión de Festas de San Xoán de Panxón de gran afluencia de persoas para a noite das fogueiras, o goberno municipal informa que despregará un importante dispositivo de seguridade e limpeza. O primeiro deles, coordinado en colaboración coa Policía Local, Protección Civil, Grupo de Urxencias do Val Miñor e a Garda Civil, nunha reunión mantida o pasado 19 de xuño coa subdelegación do goberno en Nigrán, reunirá a un centenar de efectivos.
"O noso obxectivo é garantir que as festas de San Xoán desenvólvanse con absoluta normalidade e que todos podamos gozar dunhas festas tradicionais e populares que son un símbolo para o noso municipio", explica o rexedor Alberto Valverde. Ademais do despregue de persoal que se encargará da vixilancia e seguridade, este ano haberá 3 ambulancias e un pequeno hospital de campaña no Pavillón Municipal de Deportes de Panxón para dar resposta a posibles eventualidades durante esa noite.
Limpeza de praias
O outro dispositivo que se despregará sobre as 7 horas da mañá do luns será o de limpeza. O coidado e protección medioambiental dos areais "é tamén unha cuestión prioritaria para o goberno municipal", sinala o escrito achegado aos medios. Para iso, "e cun importantísimo esforzo tanto por parte da empresa concesionaria CESPA como por parte do propio concello, despregarase un forte dispositivo que comezará a traballar ás 7.00 horas do luns", compromete a administración. O devandito dispositivo destinará á limpeza de praias e á recolleita de residuos na contorna trala celebración das festas e da noite das fogueiras a 45 persoas, tres palas, dous tractores, dúas limpa praias, catro camións, un dumper, unha carroceta, dous camións de recolleita de RSU con carga traseira, un camión RSU con carga lateral, un camión baldeadora, unha varredora e seis vehículos auxiliares.
Corte de rúas
O dispositivo de seguridade tamén inclúe o corte de rúas e camiños na contorna das festas. Neste punto, infórmase que oacceso a Panxón permanecerá cortado desde o domingo ás 20.30 horas, nos puntos habituais: o cruzamento de Monteferro con Patos, no Camiño do Mariñeiro coa Estrada pola Vía e esta mesma coa rúa Bernardo Vázquez. Ademais, infórmase que a rúa Cidade de Vigo permanecerá cortada ao tráfico, e Arquitecto Palacios cambiará o seu sentido habitual.