Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O BNG denuncia que o goberno de Nigrán devolveu avais a promotoras que non fixeron as obras.

O BNG denuncia que o goberno de Nigrán devolveu avais a promotoras que non fixeron as obras.

Correo-e Imprimir PDF

-O concelleiro do BNG, Xavier Rodríguez, denuncia que o Concello de Nigrán aprobou a devolución dos avais depositados por dúas promotoras para garantir obras de urbanización na Ramallosa ás que foron condicionadas as licenzas, sen que estas fosen executadas.

Sinala que a Xunta de Goberno Local aprobou a devolución dos avais ás promotoras Rivacón SL e Padrenda Promociones Inmobiliarias SL, constituídos no seu momento como garantía da correspondente execución de obras de urbanización ás que estaban asociadas as licenzas de obras que se lle concederon no ámbito da Romana, barrio da Ramallosa.

Explica Xavier Rodríguez que Rivacón SL e Padrenda Promociones Inmobiliarias, constituíron avais por importe de 1.199.855 Ptas. e 3.676,28 euros respectivamente. O seu obxectivo era garantir o cumprimento do deber de urbanizar simultáneo á edificación, "algo que finalmente non fixeron", sinala Xavier Rodríguez. O concelleiro opina que "atendendo ao establecido nas propias licenzas de obra, debería comportar a perda da fianza".

A complexa situación de A Romana

O portavoz do BNG relata a complexa situación de A Romana, na Ramallosa, lugar onde se encadran as obras referidas, xa que o deber de urbanizar que tiñan os propietarios e promotores "non se cumpriu, asumindo posteriormente as mesmas o propio Concello a través do Plan E".

"Non obstante, isto non pode conlevar a exención automática do deber de urbanizar aos promotores, xa que de ser así, supón un gravísimo agravio comparativo con todos aqueles promotores e cidadáns que cedemos e urbanizamos o que nos establecen as correspondentes licenzas", sinala Rodríguez. Agrega que nese senso "cabería lembrar que a incautación dos avais non sería para pagar unhas obras xa realizadas, senón polo incumprimento do deber de facelo; incumprimento que comporta a perda da fianza. Esta é a única forma de que non haxa trato de favor a unhas promotoras respecto ao resto da cidadanía".

En opinión do concelleiro nacionalista, "dadas as especiais circunstancias desta zona", entende que podería chegarse "a unha solución negociada, que minusvalorase as fianzas a incautar no importe dos gastos financeiros soportados polos propietarios como consecuencia de manter uns avais bancarios durante tanto tempo".