Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán A oposición acusa a Valverde de aprazar o pleno de Nigrán por “medo” ás protestas dos afectados polas preferentes.

A oposición acusa a Valverde de aprazar o pleno de Nigrán por “medo” ás protestas dos afectados polas preferentes.

Correo-e Imprimir PDF

Remata o mes de marzo e Nigrán aínda non celebrou o seu pleno ordinario. A oposición responsabiliza ao alcalde popular Alberto Valverde pola omisión e alerta que a demora deixa sen orzamentos ao municipio e sen base legal á entrega dos Premios Nigrán 2013, entre outros temas pendentes.

Dende o PSOE especulan que o rexedor ten "medo" a unha nova irrupción dos veciños estafados polas preferentes e subordinadas, e que por iso non convocou tan sequera á Comisión Informativa. Para a UCN-CDL, simplemente a actitude de Valverde non fai mais que confirmar a "prepotencia" coa que goberna o PP de Nigrán que unha vez máis "volve a saltarse á torera as normas".

A resposta recibida pola oposición dende a alcaldía é que o último xoves de marzo coincide en festivo polo cal o pleno tería lugar o vindeiro mércores 3 de abril. Para os socialistas "o mínimo" que debía facer o goberno era poñerse en contacto coa oposición e convocar "unha reunión de portavoces ou argallar calquera solución que manteña informados e consensúen as datas para a realización dos mesmos."

Para o concelleiro Juan González (PSOE), a "irresponsabilidade do alcalde de Nigrán e a debilidade do seu goberno fai que Nigrán, a mes de marzo, estea sen orzamento". Lamenta que serán "os veciños e veciñas de Nigrán os que pagarán a ineficacia e incapacidade dun goberno totalmente á deriva e que tan so espera que chegue canto antes o final do mandato."

Agrega que a esta altura "en Nigrán xa ninguén fala do PXOM xa que a cidadanía da por perdida a gran promesa de aprobar de xeito definitivo o PXOM no primeiro ano de mandato de Alberto Valverde". Polo cal, dous anos "despois nin a posición nin os colectivos sociais e económicos coñecemos cal é o modelo de planificación urbanística de Alberto Valverde e do PP".

Os premios Nigrán 2013 "non dispoñen de cobertura legal".

Pola súa banda, Antonio Fernández Comesaña (UCN-CDL) acusa ao rexedor de Nigrán de "ignorar ao pleno, como órgano colexiado de representación". Lamenta que, sen un previo consenso da corporación, fixera público os candidatos dos Premios Nigrán 2013 así como a súa entrega para o vindeiro 10 de maio.

Neste punto, concorda co seu par socialista en que os citados premios a día de hoxe "non dispoñen de cobertura legal".

Fernández Comesaña, reprocha ao  alcalde Alberto Valverde, "a súa falta de sensibilidade e do pouco talante democrático que demostra nas súas accións de goberno" e o acusa de politizar os premios, e converterllos en actos "exclusivamente de propaganda de partido". Aínda que deixa en claro o seu respecto por tódalas asociacións,persoas e colectivos que nominados ou non, traballan polo benestar de Nigrán.