Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Carreira solidaria polo Día da Paz en Nigrán.

Carreira solidaria polo Día da Paz en Nigrán.

Correo-e Imprimir PDF
paz

-Máis de 300 alumnos de distintos centros escolares de Nigrán participarán nunha carreira solidaria para engrosar o fondo de alimentos municipal.

O vindeiro mércores 30 de xaneiro - ás 12.00 horas- máis de 300 alumnos de distintos centros de Nigrán daranse cita no C.E.I.P. de Panxón para conmemorar o Día Internacional da Paz, nunha carreira solidaria cuxa recadación destinarase integramente a engrosar as reservas do fondo de alimentos municipal, que axuda ás familias máis desprotexidas do municipio.

Nesta iniciativa, promovida polo colexio de Panxón, en colaboración co Concello de Nigrán, participarán nenos do centro anfitrión, así como alumnos do Centro Juan María, do C.E.I.P. da Cruz (Camos) e do colexio Divino Salvador, que aínda que non é de Nigrán sumouse a esta iniciativa solidaria.

Cada un dos participantes acudirá cun padriño, que lle pagará un prezo previamente acordado entre eles por cada volta completada. O diñeiro recadado destinarase na súa totalidade ao fondo de alimentos municipal, que desde o pasado mes de xuño xestiona o Departamento de Servizos Sociais do Concello.

Antecedentes

Aínda que esta é a primeira vez que distintos centros da zona suman esforzos por unha boa causa, o C.E.I.P. leva anos realizando esta actividade con fins solidarios. O pasado ano os alumnos do centro de Panxón conseguiron recaudar 800 euros para unha ONG. "A realidade que nos está tocando vivir obríganos a enfocar as accións solidarias cara á nosa contorna", explican fontes do centro escolar.