Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O alcalde de Nigrán acada apoios en Madrid para os proxectos xa iniciados nos espazos naturais do litoral.

O alcalde de Nigrán acada apoios en Madrid para os proxectos xa iniciados nos espazos naturais do litoral.

Correo-e Imprimir PDF
Reunion-Director-General-de

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, reuniuse onte no Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente co director xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar, Pablo Saavedra, co fin de retomar os proxectos de reordenación dos espazos públicos de Praia América e a reordenación do litoral nigranés, que incide en diferentes fases en Prado, Patos e Monteferro.

 

Neste encontro, o rexedor municipal abordou estes dous proxectos, que afectan boa parte da franxa litoral de Nigrán, e que ao seu entender, permitirán "reorganizar de forma definitiva e sustentable os espazos públicos en primeira liña de costa, así como revalorizar espazos naturais de excepcional calidade e beleza, como é Monteferro".

Colaboración técnica

"O obxectivo desta reunión foi retomar uns proxectos do ministerio que están en stand by desde hai anos, co fin de establecer unha colaboración técnica entre as dúas administracións, para adaptar os proxectos orixinais coas achegas dos técnicos municipais", explica Valverde.

O rexedor matizou que a realidade económica do país "fai difícil pensar en que estes dous proxectos, valorados en 4 e 2 millóns de euros respectivamente, sexan unha realidade a curto prazo". Con todo, advertiu que a colaboración técnica acordada onte en Madrid permitirá avanzar na fase de readaptación e redacción dos proxectos. "Estamos a dar os pasos necesarios para que, cando a situación económica mellore, administrativamente estes proxectos estean na situación necesaria para que o ministerio poida executalos", avanza o rexedor municipal.

Monteferro, unha prioridade

Á colaboración técnica acordada onte súmase outro compromiso adquirido polo director xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar, Pablo Saavedra, con Nigrán. "Costas acometerá no menor tempo posible parte dunha das fases do proxecto que afecta a Monteferro, máis concretamente o que incumbe ao cara norte desta península", informa Valverde. "Esta primeira fase do proxecto consiste no establecemento dunha senda peonil ao redor de Monteferro, no tramo que discorre pola fachada norte, aproveitando algunhas pistas xa existentes", agrega.

Sengundo Valverde, a posta en marcha desta fase do proxecto faría "máis accesible a veciños e visitantes una das xoias naturais de Nigrán, á vez que dinamizará a península de Monteferro como un atractivo máis para os amantes da natureza e o lecer ao aire libre", conclúe.