Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Benestar Social de Nigrán oferta viaxes para maiores con diversos destinos.

Benestar Social de Nigrán oferta viaxes para maiores con diversos destinos.

Correo-e Imprimir PDF
Ponte-de-Lima-Portugal-1146

A concellaría de Benestar Social e Sanidade de Nigrán informa sobre unha nova convocatoria do IMSERSO do programa Viaxes para Maiores para a tempada 2012/2013. Entre os destinos contemplados para a presente tempada atópanse a península, Baleares, Canarias e Portugal, con circuítos culturais e turismo de natureza. Este programa está aberto a persoas censadas en Nigrán cunha idade mínima de 65 anos, así como para prexubilados e/ou pensionistas con 60 anos ou viuvez con 55 anos cumpridos. A campaña admite como acompañantes os fillos con discapacidades cuxo grao de minusvalía sexa igual ou superior ao 45%.

 

O prazo para presentar as solicitudes finaliza o vindeiro xoves o 11 de outubro. O IMSERSO recomenda, se é posible, realizar a solicitude en liña na páxina www.imserso.es, xa que o proceso é moito máis rápido, permitindo estar acreditado "practicamente de xeito inmediato" sinalan. Para maior información poderán dirixirse ao Departamento Municipal de Servizos Sociais de Nigrán ou chamar ao número 986 36 50 00, extensión 4, os martes e xoves, onde se atenderá con cita previa.

Ponte de Lima

Así mesmo, a concellaría informa que aínda quedan prazas dispoñibles para a excursión a Ponte de Lima (Portugal), concello luso co que se asinou un convenio de cooperación transfronteiriza o pasado mes de febreiro. Os interesados en realizar esta viaxe, o próximo 16 de outubro, gozarán dun día cheo de actividades, por un prezo de 19 euros por persoa, que inclúe desprazamento en autobús, comida, visita guiada polo centro histórico de Ponte de Lima e visita ao Festival Internacional de Xardíns.

Máis información e inscricións na oficina de turismo Dunas de Gaifar (preto das pistas de tenis de Panxón) en horario de luns a domingo de 10.00-14.00 e de 16.00-20.00 horas.