Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Invasión xurásica en Nigrán: a exposición Dinosauros Park se instala en Praia América.

Invasión xurásica en Nigrán: a exposición Dinosauros Park se instala en Praia América.

Correo-e Imprimir PDF
dinosauros-park

O Concello de Nigrán presentou hoxe en rolda de prensa Dinosauros Park, unha exposición de máis de 2.000 metros cadrados que albergará máis de 50 réplicas a escala real de dinosauros de 30 especies diferentes, e que permanecerá aberta ao público entre o 28 de abril e o 23 de setembro en Praia América.

 

Un braquiosauro de 12 metros de alto dará a benvida aos visitantes. Dentro do recinto e divididos por zonas que reconstrúen o seu hábitat, o público poderá coñecer e interactuar coas réplicas, moitas delas dotadas de movemento e capaces de "ruxir". O parque temático tamén está dotado de pantallas onde se proxectarán películas, animatronix e espazo para xogos.

Prezos e horarios

Nos meses de abril e maio, a exposición estará aberta os venres de 16.30 a 21.00 horas e os sábados e domingos de 10.00 a 22.00 horas. A partir do 20 de xuño, coincidindo coas vacacións estivais dos máis pequenos, a actividade estará operativa os sete días da semana, en horario ininterrompido de 10.00 a 22.00 horas. O prezo da entrada será de 5 euros para os nenos e de 7 euros para os adultos.

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde sinalou durante a presentación que o Concello xestionará coa organización da exposición o acceso gratuíto ao recinto para os alumnos e alumnas dos centros de ensino do municipio.

A organización espera próximo a 20 mil visitantes de toda Galicia.

Cos antecedentes do éxito da exposición en cidades como Madrid, Barcelona, Xirona e Mérida, os organizadores esperan atraer próximo a 20 mil visitantes, principalmente da autonomía. O que suporá unha inxección importante para a economía local, feito que resaltou o alcalde de Nigrán. "Actividades deste tipo son as que nos axudan a situar a Nigrán no mapa como un destino turístico atractivo e cunha variada oferta de actividades de lecer e tempo libre", observou.

O acto de presentación contou coa participación do alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, a concelleira de Turismo, Cultura e Deportes, Liliana Silva, e Rubén Comesaña, responsable de Mercadotecnia de Dinosauros Park.