Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Nigrán recoñecerá cun premio anual a contribución ao municipio de colectivos e persoas .

Nigrán recoñecerá cun premio anual a contribución ao municipio de colectivos e persoas .

Correo-e Imprimir PDF

O Concello de Nigrán anuncia a creación dos Premios Nigrán 2012. Unha convocatoria coa que a administración intenta "recoñecer de forma pública á traxectoria e aportación ó municipio de particulares, empresas e colectivos de Nigrán ó longo da súa historia". A Concellería de Cultura anunciou para o vindeiro venres 18 de maio o acto de entrega dos premios, sesión que incluirá na súa primeira edición unha homenaxe aos alcaldes de Nigrán "da etapa democrática", con motivo do trinta e tres aniversario das primeiras eleccións municipais.

 

"É desexo deste goberno establecer un acto institucional de recoñecemento público, que celebrarase de forma anual no mes de maio, ó esforzo realizado por persoas particulares, colectivos, asociacións e empresas do municipio nestas áreas, protagonistas todos eles neste camiño de construción conxunta dunha cidadanía cohesionada, que permitiu e permitirá facer de Nigrán nun municipio puxante e con futuro", declarou o rexedor Alberto Valverde.

A nota de prensa achegada polo Concello non informa os criterios de selección dos candidatos ao recoñecemento nin o xurado encargado do premio. Nembargante adianta os nomes dos alcaldes que serán homenaxeados nesa data, nomeadamente Modesto Valverde Soto, Avelino Fernández Alonso, José Villar Pereira, Manuel Rial Cadaval, Alfredo Rodríguez Millares e Efrén Juanes Rodríguez, "nunha mostra de agradecemento a súa labor e contribución á historia do noso municipio".