Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O PPdeNigrán presentará unha moción de apoio ás persoas afectadas polas participacións preferentes.

O PPdeNigrán presentará unha moción de apoio ás persoas afectadas polas participacións preferentes.

Correo-e Imprimir PDF
protesta ngb_vigo

-O grupo popular exporá á corporación municipal a instar "ás institucións competentes" a buscar solucións para aqueles clientes de Nigrán e a comarca que se viron afectados por este produto financeiro.

 

Como xa se ven desenvolvendo noutros concellos da bisbarra, o Partido Popular de Nigrán anuncia que presentará no próximo pleno do mes de marzo unha moción de apoio en favor das persoas afectadas polas participacións preferentes de Novagalicia Banco, así como doutras entidades financeiras.

O presidente do grupo popular de Nigrán e rexedor municipal, Alberto Valverde, manifestou que considera "prioritario que a corporación municipal apoie aos afectados na procura de solucións" a esta situación ante as "institucións competentes". Nese senso opinou que "Debemos defender os intereses dos máis débiles neste conflito, que sen ningunha dúbida son os clientes destas entidades financeiras, e tamén os nosos veciños e veciñas".

Nun comunicado público, o grupo popular manifesta a súa "solidariedade e sensibilidade respecto da difícil situación persoal que atravesan as persoas afectadas". "Como representantes da cidadanía, e atendendo ao interese xeral dos afectados, é noso deber buscar unha solución que, dentro da legalidade, permita a recuperación íntegra do investimento realizado polos nosos veciños", manifestou o rexedor.

A visión do PP de Nigrán sobre as accións preferentes.

Segundo o comunicado da agrupación popular, estas participacións preferentes "reveláronse como un produto moi estendido entre as entidades financeiras, con independencia da súa forma xurídica, así como a grandes corporacións ou empresas, que empregaron esta ferramenta para capitalizar as súas compañías". Nese senso, denuncian que tratouse dun produto financeiro "que foi comercializado coma se fosen obrigacións -produto de renda fixa con vencimiento e rendibilidades establecidas- pero que, na práctica, aglutina todos os inconvenientes dos investimentos de alto risco, e ningunha das vantaxes perseguidas polos subscritores comerciantes polo miúdo galegos, entre eles veciños de Nigrán e da comarca do Val Miñor."