Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O BNG de Nigrán presenta unha iniciativa para dotar de seguridade peonil aos accesos da Autoestrada en Vilariño.

O BNG de Nigrán presenta unha iniciativa para dotar de seguridade peonil aos accesos da Autoestrada en Vilariño.

Correo-e Imprimir PDF

Os viandantes que circulan pola carreteira A Ramallosa - Gondomar atopan unha verdadeira aventura diaria ao intentar circunvalar a rotonda situada baixo o viaduto da Autoestrada do Val Miñor (AG-57), á altura de Vilariño. A ausencia de pasos ou balados de seguridade peonil, expón aos transeúntes a sufrir algún tipo de accidente. Por riba, o enclave atópase nunha zona moi transitada por mor da súa veciñanza co Centro de Saúde do Val Miñor (A Xunqueira) e o centro de ensino Escolas Proval. O BNG de Nigrán exporá no próximo pleno municipal un acordo a fin de que o goberno local interceda ante a Xunta para solucionar o problema.

 

En xaneiro de 2008 aprobouse, pola entón Dirección Xeral de Obras Públicas, o proxecto de novos ramais de enlace na autoestrada do Val Miñor, AG-57, e en concreto o ramal d'A Ramallosa, que foi posto en servizo en febreiro de 2010, sen contemplar, en dito proxecto, a situación dos cruces por parte dos peóns.

Todo isto levou ao BNG, por iniciativa da súa agrupación local de Nigrán, a presentar unha pregunta no Parlamento Galego. A mesma foi contestada en marzo do ano pasado, na que se di, literalmente: "Polo de agora aínda non se pode avanzar unha solución óptima, aínda que a Consellería segue a estudar as posibilidades de mellorar a seguridade dos peóns".

Ao mesmo tempo rexistrouse unha proposición non de lei que, tras eliminar a referencia temporal que se recollía na proposta orixinal, acadou a unanimidade do Parlamento en xuño deste ano pasado.

Non obstante, a agrupación nacionalista informa que "pese a ser instada polo Parlamento Galego, a día de hoxe non se coñece actuación algunha por parte da Consellería ao respecto".

Por isto o BNG de Nigrán proporá ao Pleno da Corporación Municipal a adopción dun acordo para que inste ao Goberno Galego a realizar "o estudo e proxecto construtivo necesario para facilitar o cruzamento peonil da rotonda situada na intersección da Autoestrada do Val Miñor e a PO-340, no lugar de Vilariño."

A iniciativa tamén busca que se establezan as medidas necesarias para mellorar a seguridade viaria, "tanto de transeúntes como automobilistas na PO-340, nomeadamente no seu cruzamento coa AG-57."

A intención dos nacionalistas é que se promovan as accións necesarias por parte das administracións involucradas, para que estas medidas estean implantadas no primeiro semestre do 2012.