Xa está en marcha a campaña "Este inverno, presume de praceiro/a" a que retoma a súa actividade en Nigrán. Esta iniciativa, desenvolvida pola Xunta de Galicia en colaboración coa Concellaría de Promoción empresarial, Comercio e Emprego de Nigrán, persegue incentivar as vendas nos mercados tradicionais así como premiar a fidelidade dos clientes con cheques desconto de 75, 50 e 25 euros.
A primeira fase da campaña, que se celebra en Nigrán por segundo ano consecutivo, desenvolveuse entre os días 12 e 23 de decembro, e retomarase entre os días 9 e 20 de xaneiro, có obxectivo de incentivar o consumo no período previo e inmediatamente posterior ás festas de Nadal.
Nesta campaña, ademais dos cheques desconto entre os consumidores, o goberno autonómico pretende recoñecer a figura dos vendedores a través da posta en marcha dunha votación do profesional mellor valorado, para o que é necesaria a colaboración dos clientes. O mellor praceiro de cada mercado sairá do reconto de todos os votos recibidos e os elixidos serán recoñecidos e homenaxeados publicamente nun acto no mes de febreiro.