Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Comeza Nigrán Xogolandia, con mil metros cadrados de lecer para o Nadal.

Comeza Nigrán Xogolandia, con mil metros cadrados de lecer para o Nadal.

Correo-e Imprimir PDF
xogolandia-nigran


"Nigrán Xogolandia" abriu hoxe as súas portas no Pavillón Municipal de Deportes de Panxón por primeira vez, convertindo esta instalación municipal en 1.000 metros cadrados de diversión e deporte para os máis pequenos. O parque infantil permanecerá aberto ata o vindeiro venres 30 de decembro, de 16.30 a 20.30 horas. O prezo da entrada é de 2 euros para os menores e de 1 euro para os adultos, aínda que tamén se poderá adquirir un bono especial de cinco días por 6 euros.

"Nigrán Xogolandia" contará con múltiples actividades para os nenos e nenas, como inchables, un touro mecánico, talleres e animación infantil e un recinto acoutado para a realización de actividades deportivas, coordinadas por algúns dos clubes deportivos do municipio. Hoxe tocoulle a quenda ao baloncesto, mañá martes tenis, o mércores fútbol, o xoves bicicleta e o venres a escola Galicia en Danza pechará a actividade cunha actuación ás 19.00 horas.

A concellaría de Turismo, Cultura e Deportes está a cargo da organización desta actividade co obxectivo de ofrecer unha alternativa de lecer aos veciños e veciñas do municipio, "sen necesidade de desprazarse fóra de Nigrán para poder gozar das vacacións de Nadal en familia", comentou a responsable desta área, Liliana Silva. "Os parques infantís móbiles son unha opción ideal para completar a oferta de actividades, que funciona moi ben noutros concellos, e estamos convencidos de que Nigrán non será unha excepción", explicou a edil.

Na inauguración, o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, insistiu na importancia deste tipo de iniciativas, "que non só amplían a oferta de lecer para os veciños e veciñas do municipio senón que tamén redundan en beneficio dos establecementos e servizos locais, xa que os nosos veciños non teñen que trasladarse a outras localidades para gozar do tempo libre cos seus fillos", sinalou.