Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán E as crianzas que? I Xornadas sobre violencia de xénero en Nigrán.

E as crianzas que? I Xornadas sobre violencia de xénero en Nigrán.

Correo-e Imprimir PDF
xornada-violencia-de-xenero

Ao longo do día desenvolvéronse as I Xornadas sobre violencia de xénero "E as crianzas qué?", en Nigrán. A actividade congregou a un centenar de persoas interesadas en coñecer a incidencia da violencia de xénero nos máis pequenos da familia. Nove profesionais de diversos sectores –avogados, traballadores e educadores sociais e psicólogos, entre outros- abordaron en profundidade as consecuencias da violencia de xénero nos fillos e fillas dende distintos ámbitos: os dereitos dos menores, o impacto no seu desenvolvemento físico e psicolóxico, a intervención psicosocial có obxectivo de minimizar as consecuencias nas crianzas e, por último, a regulación da custodia compartida.

 

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, xunto coa secretaria xeral da consellería de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, e a concelleira de Patrimonio, Xuventude e Igualdade, María José Pino Fernández, inauguraron a xornada. Valverde agradeceu o traballo que realizan os profesionais do Centro de Información á Muller de Nigrán, así coma a importancia de dar a coñecer entre profesionais, educadores e a poboación en xeral a incidencia e penetración da violencia de xénero nos fogares de todo o país. "É a nosa obriga traballar por erradica-la violencia de xénero e, especialmente, apartar aos máis pequenos dos seus efectos", declarou.

Pola súa parte, a recen nomeada Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, felicitou á organización desta xornada, destacando a orixinalidade e a importancia do enfoque do curso, as consecuencias da violencia de xénero nas crianzas. "Calquera tipo de violencia afecta sempre aos nenos e nenas, pero aínda máis a violencia de xénero física ou psicolóxica tanto como receptores directos coma testemuñas de mesma", sinalou. Esta situación recóllese na Convención Internacional dos Dereitos do Neno coma unha forma de maltrato infantil nomeada "violencia mental".

"É a obrigación do Estado protexer aos nenos de todas as formas de malos tratos perpetrados polos pais, nais ou calquera outra persoa responsable do seu coidado, e establecer as medidas preventivas e de tratamento ao respecto", agregou. "A celebración deste tipo de xornadas é un paso adiante na loita contra este tipo de violencia, é por iso aplaudo a iniciativa da concellaría de Patrimonio, Igualdade e Xuventude do Concello de Nigrán", rematou.