Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Socialistas e nacionalistas de Nigrán presentan mocións para combater a violencia contra a muller.

Socialistas e nacionalistas de Nigrán presentan mocións para combater a violencia contra a muller.

Correo-e Imprimir PDF
violencia-genero14

A violencia de xénero en especial contra as mulleres ingresa novamente na axenda política do pleno municipal de Nigrán. Tanto o grupo municipal do PSOE como o do BNG presentaron este mércores un grupo de medidas para ser tratadas no vindeiro pleno a celebrarse o 25 de novembro. A sesión coincidirá coa conmemoración do "Día internacional contra a violencia contra á muller", e os edís de Nigrán deberán tratar entre outras medidas a de instar ao goberno autonómico a protexer aos menores expostos a fogares nese contexto, así como a creación aínda sen desenvolver do Observatorio Galego da Violencia de Xénero e a posta en marcha dun Centro de Recuperación Integral para as vítimas.

 

Os socialistas argumentan que é necesario facer novamente un chamamento "á unión colectiva da cidadanía contra a violencia de xénero: todas e todos debemos comprometernos contra esta inmensa crueldade que só produce dor, medo e ata a morte das mulleres que sofren maltrato, que é a privación máis brutal a que se pode someter a un ser humano."

Pola súa banda os nacionalistas salientan que a pesar dos adiantos que en materia lexislativa conquistou Galicia, "o goberno do PP na Xunta de Galiza, non puxo en funcionamento os instrumentos lexislativos previstos para a protección das vítimas de violencia de xénero, é máis, parece considerar prescindíbeis e superfluas a maior parte das accións preventivas e doutro tipo que se viñan poñendo en marcha nos últimos anos de cara á erradicación da violencia de xénero."

Proposta do PSOE

A moción do PSOE, promovida pola concelleira Loli Araújo Duarte propón esixir á Comunidade Autónoma de Galicia ao cumprimento das leis vixentes, especialmente a Lei Integral contra a Violencia de Xénero. Tamén solicita que a súa aplicación efectiva da Lei "sexa unha prioridade na axenda política e nos orzamentos".

A moción socialista busca promover a nivel municipal a continuidade dos programas específicos de sensibilización da sociedade contra a violencia de xénero. Par iso insta á Xunta a promover no nivel municipal o cumprimento dos acordos "que sobre protección de menores expostos a contornas de violencia de xénero, foron asumidos polas Comunidades Autónomas na reunión Sectorial de Igualdade celebrada en Abril de 2010, coa posta definitiva en marcha do Sistema de Protección Especializada de Menores e da elaboración do Protocolo de Atención aos mesmos." Por último propón "promover a nivel municipal a continuidade da formación especializada xunto cunha maior implicación na protección das vítimas da violencia de xénero, directa ou indirecta."

Moción do BNG

Os nacionalistas presentan a través do seu concelleiro Xabier Rodríguez unha moción de acordo onde tamén dirixida á Xunta de Galiza para que impulse a posta en funcionamento" das obrigas impostas pola Lei 11/2007 que están pendentes de desenvolvemento; en concreto, a creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero e a posta en marcha do Centro de Recuperación Integral". Reclaman unha planificación para a realización de campañas periódicas de sensibilización contra a violencia de xénero. Neste punto propón que se realice a formación dos profesionais "implicados na atención e tratamento das vítimas, e que garanta o dereito á atención psicolóxica no ámbito sanitario público cuestión tamén recollida na lei".