Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán As obras da estrada que unirá Chandebrito Priegue racha cos acordos do Consello Sectorial de Nigrán

As obras da estrada que unirá Chandebrito Priegue racha cos acordos do Consello Sectorial de Nigrán

Correo-e Imprimir PDF
A estrada Chandebrito Priegue atravesa solo protexido.

O PSOE de Nigrán denuncia a construción dunha estrada para unir Chandebrito con Priegue, usando como base un camiño forestal existente que atravesaría unha zona rica en patrimonio natural e arqueolóxico. Os socialistas advirten que esta obra desenvolvida polo goberno de Nigrán en colaboración coa Deputación de Pontevedra, racha co compromiso asumido co Consello Sectorial para o Plan Xeral de Nigrán, en especial coa Comunidade de Montes e as asociacións “O Castro” e “1812”, de non facer o devandito vial por ese lugar.

O Partido Socialista ten pedido por Rexistro Municipal todo o expediente relativo a esta obra, e advirte "que son de obrigado cumprimento os informes favorables de Medio Rural, Urbanismo e Patrimonio así como os informes municipais correspondentes e en caso de non habelos poderían estar incorrendo nun delito de prevaricación". Agregan que asemade non se poden abrir viais no monte que non estean previstos no planeamento, ou as normas subsidiarias non o contemplen. Á súa vez, aseguran que" nunca se podería asfaltar xa que o solo forestal é de especial protección pola Lei do Solo."

González denuncia que "“Alberto Valverde finiquita en catro meses o Consello Sectorial para o Plan Xeral de Nigrán. A pesar de prometer convocalo en setembro non o fai e abre, de xeito irregular, un vial que desfeita unha rica zona natural e forestal en Chandebrito a pesar de que el mesmo e o seu partido votaron en contra de facelo”. O concelleiro lamenta que " Sexa o que sexa o dano medioambiental non poderá xa ser subsanado".