Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Chandebrito deberá esperar ao PXOM de Nigrán para solucionar os seus problemas urbanísticos.

Chandebrito deberá esperar ao PXOM de Nigrán para solucionar os seus problemas urbanísticos.

Correo-e Imprimir PDF
Máis de 60 vivendas da parroquia de Chandebrito ten orden de derriba.

Finalmente non se poderá levar a cabo a Modificación Puntal das Normas Subsidiarias coas que a finais de 2010 o Pleno da corporación de Nigrán intentou adecuar o núcleo de Chandebrito a nova Lei de solo. O alcalde Alberto Valverde informou a Valminor.info que dende a Dirección Xeral de Urbanismo aconsellaron non iniciar un trámite paralelo ao que actualmente se sigue para a aprobación do Plan Xeral de Ordenamento Municipal (PXOM), xa que o mesmo non reportará beneficios nos prazos de resolución. Os esforzos por normalizar esta particular zona de Nigrán que maiormente medrou fóra das normas urbanísticas e sobre a que pesan decenas de ordes de derriba, deberá afrontarse agora na redacción actualmente en elaboración do PXOM.

A medida foi comunicada polo propio alcalde Alberto Valverde durante a xuntanza de traballo sobre o PXOM o pasado 3 de agosto. Consultado por Valminor.info, Valverde informou que se ben a modificación puntual votada no pleno de finais de 2010 non chegou nunca a tramitarse, despois de varias consultas cos técnicos e representantes da administración autonómica, chegouse á recomendación de concentrar a tarefa de normalización e regulación no PXOM que está a desenvolver o Concello. O rexedor foi advertido que unha modificación puntual tería serias dificultades "polo estilo e calibre da solicitada", e por riba "a solución óptima sempre estará no PXOM". A certeza de que a modificación puntual "non aforra prazos", levou a Valverde a tomar a resolución de encomendar á empresa redactora do PXOM a incluír no proxecto urbanístico a situación de Chandebrito.

Pola súa banda, o PSOE de Nigrán afirma que "Arnaiz Consultores", a empresa contratada para a redacción do PXOM, presentou a tramitación a devandita modificación puntual ante a Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, e que o seu rexeitamento é unha decisión do PP.  Nun comunicado público os socialistas agregan que " Dende o Partido Socialista sorprende que mentres o PP de Nigrán estivo na oposición apoiara, e mesmo acompañara aos colectivos de Chandebrito e ao anterior Concelleiro de Urbanismo a reunións coa Xunta de Galicia" para defender esta proposta e que " agora no goberno acepte a nova postura da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e paralice un procedemento que soo ten o obxectivo de axudar a que Chandebrito adáptese a nova Lei do Solo e de este xeito facilite a regularización dunha moi complicada situación urbanística."

No devandito escrito asinado polo portavoz do PSOE Nigrán e ex concelleiro de Urbanismo Juan González, afírmase que" Os representantes da Asociación de Veciños , presentes na xuntanza de onte (polo mércores 3), mostraron a súa sorpresa ante este novo xiro do goberno autonómico e local do PP sobre todo despois das declaracións de Alberto Valverde en campaña electoral ante os veciños de Chandebrito e da Comunidade de Montes: <Me comprometo a hacer una modificación puntual para Chandebrito, hay que poner a los técnicos municipales a trabajar y a quien teneis que pedirle responsabilidades es a los que están gobernando por no hacerlo>".

Pola súa banda, Valverde sinalou que o PSOE estaba ao tanto das dúbidas que a nivel dos técnicos municipais e da Xunta existían sobre a Modificación Puntual. Lembrou que das mesmas foron advertidos nunha reunión mantida en Santiago durante o goberno dos socialistas en Nigrán, á que Valverde concorreu acompañando ao representante da alcaldía. Situación da que tamén estiveran informados os veciños xa que se mantiveron reunións coas representación veciñais e da comunidade de montes.