Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Zona Franca paga 1 millón de euros a Nigrán con 8 meses de retraso.

Zona Franca paga 1 millón de euros a Nigrán con 8 meses de retraso.

Correo-e Imprimir PDF
porto-de-molle

Zona Franca ingresou un millón de euros nas arcas municipais de Nigrán. O anuncio da alcaldía, agrega que a débeda estaba pendente de ingresar desde novembro de 2010,"correspondentes ao aproveitamento municipal de Porto do Molle".

Tras a firma do convenio con Zona Franca polo 10 % do aproveitamento municipal de Porto do Molle, Zona Franca ingresou algo máis de 3 millóns de euros ao Concello de Nigrán, deixando pendente 1 millón de euros, cuxa data de abono correspondíase a novembro de 2010. A pesar de cumprirse esa data, o millón de euros non se recibiu ata o 29 de xullo pasado, " logo de diversas conversacións con Zona Franca por parte do actual alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, que finalmente deron o seu froito", aseguran dende o Concello. Alberto Valverde asegurou que nestes momentos a relación con Zona Franca "é moi boa, o que propiciou que tras varias conversacións conseguísese cobrar ese millón de euros que o Concello de Nigrán debería percibir en novembro de 2010."

O alcalde recalcou ademais a contrariedade de que a pesar de que o anterior goberno municipal socialista era "politicamente máis afín" ás autoridades de Zona Franca, non foi capaz de "entenderse" co fin de conseguir ese cobro acordado para o pasado mes de novembro

Cobro de expropiación parada desde o 2009

Alberto Valverde tamén anunciou que o seu goberno recuperou outra xestión "paralizada e deixada no esquecemento" por parte do anterior goberno municipal desde 2009, que suporá ás arcas municipais ingresar preto de 300.000 euros polo cobro da expropiación de terreos nos que se situaba o almacén municipal e realizada pola Xunta para a construción da rotonda de acceso da AG-57 co Parque Empresarial de Porto do Molle. O alcalde de Nigrán salientou que a xestión simplemente constaba da tramitación da aceptación e remisión á Xunta de Galicia das correspondentes actas de expropiación por parte do Concello, algo que "xa fixemos aos quince días de entrar no goberno municipal despois de que o asunto estivese totalmente paralizado polo goberno anterior, o que esta supondo un importante quebranto económico para as arcas municipais e para o patrimonio municipal xa que sufrimos a expropiación pero non recibimos a compensación económica por deixamento do goberno socialista".

Alberto Valverde mantén que "habería que pedir ao goberno anterior responsabilidades polos intereses que se deixaron de percibir polo atraso no pago da expropiación, neste caso imputable única e exclusivamente á parálise dun goberno socialista que a pesar de contar con informes técnicos municipais favorables para a realización da aceptación e remisión das actas, o que permitiría o cobro de case 300.000 euros, optou polo deixamento coa grave repercusión económica que supón para o Concello de Nigrán".