Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán A Xustiza falla a favor de Nigrán no caso ECOVIGO PUBLICIDAD e prepárase nova pescuda xudicial.

A Xustiza falla a favor de Nigrán no caso ECOVIGO PUBLICIDAD e prepárase nova pescuda xudicial.

Correo-e Imprimir PDF
Concello-de-Nigran

O Concello de Nigrán non terá finalmente que pagar os 19.140 euros reclamados xudicialmente pola empresa ECOVIGO PUBLICIDAD, por servizos de "Estrategia de comunicación" realizados á anterior administración municipal do popular Alfredo Rodríguez Millares. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou o recurso de apelación presentado pola empresa e dando por firme o ditaminado nos mesmos termos polo Xulgado do Contencioso - Administrativo número 2 de Vigo, o pasado 26 de xullo de 2010. Daquela, o maxistrado Antonio Martínez Quintanar, constatou que ECOVIGO PUBLICIDAD e a  administración do ex rexedor popular Alfredo Rodríguez Millares, mantiñan unha relación irregular non formalizada, "sen expediente previo de contratación". A pesar diso, o municipio pagou entre 2004 e 2007 perto de 150.000 euros en facturas que segundo o ditame xudicial omitían a preceptiva fiscalización do gasto e o seu correspondente expediente administrativo. A irregularidade da contratación como a falla de especificación dos servizos prestados nas devanditas facturas, son a base da resolución.

Pero o caso non remata aquí, o xuíz Martínez Quintanar detectou nos materiais presentados como proba nun CD por ECOVIGO PUBLICIDAD, "trabajos facturados a la Administración municipal" que "podría ser incluso constitutivo de infracción penal".   No devandito disco que contén os traballo realizados entre decembro de 2004 ata maio de 2007, inclúe un cartel do Partido Popular, co seu logotipo, así como unha revista "Nigrán Hoxe", na que figura na súa portada o logotipo do PP e máis unha foto do entón tamén candidato Alberto Valverde "solicitando explícitamente el voto para el mismo" nas anteriores eleccións municipais, segundo consta o escrito xudicial. A continuación o xuíz expresa que "no es lícita la utilización de fondos públicos para las campañas publicitarias propias de un concreto partido político."

Pola súa banda a actual administración local en mans dos socialistas solicitará que de oficio se investigue por parte da xustiza "si se pagou con fondos municipais a campaña dalgún partido". O alcalde Efrén Juanes mantiña no correr desta xornada unha reunión cos asesores xurídicos a fin de "colocar o expediente en mans da autoridade xudicial correspondente". Juanes entende que é a súa obriga velar polo interese das arcas municipais e dos veciños, polo que debe saberse si o Concello ten que reclamara a alguén a devolución de cartos públicos utilizados de forma indebida durante a anterior administración popular de Alfredo Rodríguez.

Consultado Alberto Valverde sobre o contido da resolución xudicial, manifestou que non tiña coñecemento da mesma. Expresou que a revista "Nigrán Hoxe", non foi encargada por el, así como que tampouco mantivo daquela relación coa empresa ECOVIGO PUBLICIDAD.Tamén sinalou que a campaña do 2007 a pagou o PP. O candidato popular rematou a conversación afirmando rotundamente "Mis campañas las pago siempre yo".